A arte da complicidade pictórica

El e ela, ela e el, empregan as máis diversas técnicas creativasGuille de la Paz e Gloria López Dous pinceis, un sentimento


Boiro, oito da tarde, ao borde da primavera. Encontro non casual convertido en cita, fertilmente intenso, sobre a arte. Falamos, fabulamos como bos devotos de Minerva, «a deusa das mil obras». Pero sempre dende o máis harmónico e proveitoso dos desacordos. Como debe ser!

Para empezar, Arte Guiglo emprega as máis diversas técnicas («grafito, rotula, pluma, pastel, acrílico, acuarela, lacas, vernices, óleo») sobre os máis variados soportes («cartón, tea, madeira, cristal, trapos ou papel fotográfico»), inda que Guille, hoxe, prefira o acrílico, máis versátil, e Gloria o óleo, que lle permite xogar coas texturas. Usan materiais como o viño, a cervexa, o té ou a area, e as ferramentas van dende o lapis ou os pinceis ata as propias mans.

Unha hepatite con 10 anos faille a Gloria manter cama, e alí comeza a copiar láminas do seu admirado e sinóptico Castelao, coa súa madriña, María López, como mecenas e guía temperá. Logo, seguiría formándose, sempre sen pausa. Guille aprende cos lapis de súa nai, Rosario, tamén pintora e gran amante da lectura e a fotografía, e con 7 anos, gana o Concurso de pintura da Caixa de Aforros de Valencia. E xa nunca deixaría de aprender. Os dous se amosan pseudo-autodidactas e vocacionalmente asiduos e perseverantes.

Debuxo con profusión

Canto ao debuxo, Gloria emprégao «con profusión... pero deixando fluír a liña, acariñando o soporte onde se dilúe o material empregado». En cambio, Guille «déixase levar máis pola maxia da cor, sen bosquexo previo».

Para ambos, «diversidade» rima con «temática». En Gloria, sobresae o tratamento do «corpo humano, vestido ou espido, en quietude ou movemento» no que destaca tanto a «expresividade xestual como a forma rápida de comunicación». Así, no (auto)retrato busca captar a mirada, a esencia, a alma, a personalidade do/a modelo», á maneira de Rembrandt. Ademais, revélase en «paisaxes emocionais cargadas de humor, que incitan a pensar». A Guille «fascínao a paisaxe galega, que utiliza para expresar a maior parte das súas emocións e sentimentos»: vendavais, choiva, vento, bosques felices, «pero tamén a exaltación do patrimonio cultural».

Figuración? Abstracción?: «máis alá da figura, é fundamental o tema como sentimento e expresión, con referencias á literatura, á historia, ao humor» e, ademais, «deixarse levar pola propia dinámica do cadro, polas cores, polo soporte, polo fluír da liña e da mesma pintura».

Arte Guiglo coincide con Balzac en que a misión da arte non é copiar a natureza, senón expresala. Por iso, botan man dunha variada carta cromática, de técnicas, estilos e materiais; todo para amosar as cousas non como son senón como subxectivamente os artistas as ven. Por iso foxen de etiquetas como o impresionismo ou o expresionismo. Mellor, arte ecléctica. «Todo dependerá da idea ou sensación que tratemos de plasmar: representación obxectiva, emocional ou sentimental».

 

Posmodernismo

Actualidade manda. Falamos de posmodernismo. «A posmodernidade é a modernidade posta á venda no mercado, as vangardas convertidas en obxectos de consumo, un movemento ecléctico e elitista posto ao servizo duns poucos». A beleza na arte, unha opción? Resposta: «Aos artistas de Arte Guiglo non lles corresponde definir a beleza, senón creala». Claro e rotundo.

«Tropezamos co pasado ao avanzar», dinos Unamuno. Está querendo dicir que non existe o progreso na arte, como vemos na ciencia? «Se avanza a sociedade, avanza en paralelo a arte; nunca está todo inventado. Sempre a arte foi rompedora co pasado na medida en que amosa as súas ansias de liberdade creativa». Deshumanización da arte? Para Arte Guiglo, «só en determinados movementos onde prima a materia». Democratización? «Hai que tender a ela». Reprodución técnica? «Non é arte; só copias miméticas: falta a aura, a alma». Academicismo? «Un referente ao que adherirse ou combater con liberdade creativa».

E canto ao compromiso, a resposta é clara: «A arte, razón de ser do artista, sempre estivo comprometida, pois busca a mellora da sociedade; non comprometerse é aliarse co establecido, o que contradí o poder libre e rompedor da arte fronte á inxustiza social».

Inspiración vs. transpiración? «Debemos sempre conxugar dedicación e brotes de creatividade, dentro ou fóra do proceso creativo: no supermercado, a luz, a sombra, unha humidade... Ou na lectura, berce propicio das musas: ut pictura poesis».

Influencias á hora de crear. A Gloria fascínana «os que traballaron con independencia das correntes do momento, esquecidos, precursores: Da Vinci, Miguel Anxo, Arcimboldo, Rembrandt, Goya, Max Ernst, Escher, Castelao, Quino, A. López, F. Ibáñez... E para Guille, os grandes mestres holandeses e venecianos, O Greco, Caravaggio, Velázquez, Turner, Monet, Rothko, Kandinsky, Hopper, E. Zobel, E. Úrculo ...

E rematamos con esta resposta: «A intelixencia emocional está moito máis presente nas obras de Arte Guiglo que a intuición estética». Invitación á reflexión.

ILUSTRACIÓN abraldes

 

Votación
2 votos
Etiquetas
Arte Rembrandt Valencia Boiro
Comentarios