Reflexión formal sobre o acto poético

X. SANTAMARÍA

BARBANZA

06 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nova escolma do movemento Sentimentalismo, fundado por Xesús Manuel Valcárcel, que se autodefine como de «carácter elitista e exclusivo», que pretende unha poesía de «elevación conceptual e profundidade de pensamento». Ademais do fundador, outros seis poetas: Carlos Arias, Xulio Cid Neira, Xabier L. Marqués, Mariña Pérez Rei, Baldo Ramos e Eva Veiga. O espazo só me permite analizar a achega de Xabier L. Marqués.

L. Marqués titula Ecfrase, formada por tres partes, o seu texto. A ecfrase é un recurso literario tan antigo como a poesía occidental e que consiste na descrición dunha obra artística a través da linguaxe e da que se citan como exemplos clásicos a descrición do escudo de Aquiles por Homero na Ilíada ou a do escudo de Eneas por Virxilio na Eneida. Se se quere un exemplo máis próximo non hai máis ca citar a Oda a unha urna grega de Keats. Pero o eu lírico (e narrativo) do poema de L. Marqués describe o propio acto da creación poética, empregando a metáfora do mar, texto no que salienta a riqueza lingüística do galego, e a concepción do poema non só en si, senón tamén a facerse, non só o estar do poema, senón o seu evoluír. Unha reflexión formal sobre o mesmo acto poético, que se une ao sentimento, á emoción, nunha síntese que amosa e, ao tempo, agocha. Liberdade formal e tipográfica que se sostén sobre o alento rítmico, indo máis aló do horizonte do lector, nunha loita entre o significado e o significante para entrever o que está alén do literal, nunha «vontade de alfabeto orixinal» que é asemade «furtivo». O poema «escríbese», mais tamén se «corrixe» par air máis alá da evidencia do ritual.

«Sentimentalismo. II Antoloxía Transcendental»

Baldo Ramos

Santiago de Compostela (Bubela, 2017) 101 páxinas