CrÓNICA

Ao hospital en todoterreo


Se alguén está pensando en cambiar de coche, a miña recomendación é que opten por un todoterreo. Pode que sexan máis caros que un utilitario normal, que teñan menos espazo de almacenaxe que un vehículo familiar e que consuman máis. Pero fáganme caso, paga a pena, porque todas esas pequenas desvantaxes veranse sobradamente compensadas polas posibilidades que lles ofrecerá un vehículo pensado, precisamente, para superar calquera obstáculo e avanzar pola superficie máis abrupta. Faralles falta, seguro. Non estou falando de mercar un catro por catro para percorrer pistas forestais, circular por estradas nevadas ou cruzar campo a través unha leira. Estou falando da mellor opción para acudir ao hospital.

Calquera que tivera que ir a unha consulta ou fose visitar a un familiar hospitalizado en Santiago a bo seguro se preguntaría, igual ca min, como demo darían feito algúns para meter -e para logo sacar- o coche onde o deixaron. Non existe nin un palmo de superficie, salvo a indispensable para permitir que os vehículos poidan circular, libre de turismos: enriba das beiravías, incrustados baixo unhas árbores, facendo equilibrios sobre tres rodas enriba duns bordos dunha altura considerable para un utilitario común... Outra opción é tirar para o aparcamento soterrado, se hai sorte de atopar praza libre, pero 2,30 euros por unha hora escasa non anima moito a deixar o coche alí moito máis tempo.

Por sorte, non é un tipo de instalacións que frecuente, pero atreveríame a dicir que o problema da falta de espazo para aparcar é extensible a calquera hospital. Dende logo, no do Barbanza pasa, e o Clínico de Santiago é xa un caso extremo. No Álvaro Cunqueiro vigués a solución foi crear un párking de pago cunhas tarifas para nada acaídas ao que se considera un servizo público. Tanto problema para deixar o coche nun sitio ao que ninguén vai por gusto lévame a pensar se á hora de deseñar, licitar e contratar a construción dos recintos sanitarios se ten en conta a cantidade de usuarios potenciais.

É cousa de sentido común e non semella tan difícil de prever: tantos postos de traballo, tantas camas dispoñibles, tantos servizos con capacidade para atender a tantos pacientes... Se todo iso se sumou no seu momento paréceme inexplicable que todos os días, simplemente coas persoas que acoden a consulta e os familiares que visitan a doentes ingresados, sexa imposible atopar un oco despois das nove da mañá para meter o coche, por pequeno que sexa. Así como hai obras públicas sobredimensionadas, no caso dos aparcamentos dos hospitais coido que a Administración se quedou curta, o que fai máis tortuosa aínda a visita e a estancia.

Votación
1 votos
Etiquetas
Comarca do Barbanza
Comentarios