David Places: «Se baixamos, seguirei á fronte»

BARBANZA

MARCOS CREO

Autocrítico, o dirixente non se esconde e recoñece que nin a súa figura á fronte do club é imprescindible

16 abr 2017 . Actualizado a las 05:25 h.

A horas para que o Boiro xogue un partido crucial pola permanencia en Segunda B contra o Palencia, o seu presidente, David Places, analiza unha temporada que foi para el un curso intensivo de xestión deportiva. Sen pelos na lingua, o boirense desvela que o club pode vivir un relevo na súa cúpula a final de ano.

Xóganse a vida esta tarde

É un encontro imprescindible. Se non sacamos un resultado positivo deixaríamos de depender de nós mesmos. É vital gañar. Temos un calendario complicado, ante equipos que se xogan moito. Non nos van regalar nada.

¿Esperaba atopar ao equipo no descenso a estas alturas?

Non, cando confeccionamos o plantel era para deixalo na metade da táboa. Tivemos momentos nos que puidemos gañar a calquera, pero non tivemos regularidade. Empezamos co problema de arbitraxes. Eses seis ou sete puntos que perdemos colocábannos fóra dos postos de descenso. É unha liga moi complicada, pero vexo ao bloque con gañas e vai dalo todo para gañar.

¿Houbo erros do equipo?

Foi un cúmulo de cousas. É unha liga nova para min e para o club. Eu cometín varios erros que restaron algún punto. No apartado económico, centreime en sumar o maior número de patrocinadores, pero non puxemos fechas para que abonasen o pactado. Iso fixo que nos retrasásemos nos pagos, o que acabou afectando aos xogadores.

¿Comprométese a pagar todo o que queda?

Iso é evidente. Xa está falado cos xogadores. Saben o que pasou. Entendo que ter algún mes pendente de cobro non é sinxelo, xa que son xente independizada e con responsabilidades. Foi un erro meu e asumo a miña culpa. Van cobrar todo, iso seguro.

Non é a primeira vez que afirma que este ano foi como un máster.

Pasar de Terceira a Segunda B é un salto moi grande. Temos dez altas na Seguridade Social, sete pisos alugados, desprazamentos, hoteis... Escapáronsenos cousas, pero aprendemos moito. Sería unha pena non manter a categoría, porque os erros que tivemos non se cometerían de novo. Se non se pode, será unha decepción. Gustaríame continuar en Segunda B, non conseguilo deixaríame un sabor agridoce.

¿Seguirá á fronte do club aínda que se baixe de categoría?

Nunca vou deixar o Boiro cando peor lle vaia, nunca escapo cando as cousas non van ben. Se baixamos, seguirei á fronte. Se o deixo será cando mellor estea, quero o mellor para o club. Hai moitos anos de traballo investidos, pero ninguén é imprescindible. Se ven alguén que quere aportar están as portas abertas e eu seguirei colaborando ao 100% no club. Nestes momentos, temos un grupo de traballo pequeno. Aínda que a xente o pense, isto non funciona só.

¿Se descende, cal será o obxectivo do club?

Se eu continuo á fronte, vai ser para ascender. Non me vexo cun equipo en Terceira para non pelexar por nada. Faremos un equipo competitivo e amplo. Sei do complicado que é subir. O ano pasado, cando nos tocou o Caudal, ninguén daba un peso por nós.

E se o Boiro se mantén en Segunda B, ¿seguirá vostede á fronte da institución?

Teño que pensalo aínda. Hai traballo feito como patrocinios pechados que afectarían se seguimos en Segunda B. Non me importaría seguir na xunta directiva, levando o apartado económico, pero preferiría que a presidencia a levase outro. É un desgaste moi grande. Son moitas horas, ademais de esforzo e diñeiro.

¿Aconteceu algo que lle fixese pensar en deixalo?

Afectoume que me achacasen que non lle estaba pagando aos futbolistas. Non me gustou, máis cando cada persoa que estivo no Boiro cobrou ata o último céntimo. Estamos preto dos 1.000 socios, temos un dos campos con máis publicidade da categoría. Hai un traballo que está aí e do que algúns non se acordan.

¿Cal é o seguinte paso?

Temos que conseguir que os veciños da zona nos vexan como un equipo de Barbanza, non so de Boiro. Iso faría que os concellos de Arousa Norte puideran comprometerse. Cunha pequena axuda, o problema dos pagos podería estar solucionado, e incluso permitiría firmar a un par de xogadores referentes.

¿Fredi segue na corda frouxa ou está lexitimado no cargo?

Nunca tiven dúbidas con el, creounas el mesmo. Xamais lle dixen que se ía marchar. A falla de seis partidos para rematar a liga, díxenlle que a súa marcha non era a mellor opción para o club. Isto non é Terceira, aquí fai falla coñecer aos xogadores e aos rivais. Se ao final os resultados non acompañan será mala sorte.

Deulle total liberdade para confeccionar o equipo, ¿está contento co seu traballo?

É un gran técnico, coñece a categoría e cando os vexo adestrar van como avións. Por traballo non é, nin el, nin o seu corpo técnico, se esconden nunca. Fáltalle dureza cos xogadores e marcar as distancias, é un gran profesional, pero hai que xestionar a un grupo de 25 persoas.

¿Como valora á afección?

Solo teño palabras de agradecemento, estiveron ao 100% co club. Recordo cando cheguei ao equipo, foi nun partido contra o Foz e había 13 persoas no campo, a día de hoxe hai de media unhas mil. É importante que os xogadores estean arroupados, hai que sentirse ben na casa. Estamos preto dos mil socios e temos o abono máis barato da categoría, queríamos fomentar que viñese xente a Barraña. Antes que ter unha grada baleira prefiro cobrar menos e que estea chea.

¿Que opina dos últimos casos de fraude de apostas?

No momento en que tivese sospeitas fundamentadas de que iso ocorrese no Boiro, as persoas implicadas non durarían nin un segundo na entidade. Non quero iso nun club serio, é rirse da afección e do traballo que fai toda a xente. Hai que atacar estes feitos ou o deporte vaise converter nunha farándula.

¿Que papel xoga a canteira?

Temos aos xuvenís preto de Nacional, que é algo prioritario para nós. Gustaríanos ter a cinco xogadores da comarca no primeiro equipo, pero ese é un proxecto a longo prazo. Agora mesmo o Boiro están nutrindo a clubs como Puebla ou Ribeira. Gustaríanos que no primeiro equipo a metade do grupo fose de Barbanza, o de traer a 21-22 xogadores de fóra ten unha traxectoria curta.