«Amas de Casa fixo moito por Ribeira»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Clara Féliz asume o mando convencida de que a asociación aínda é moi necesaria

18 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Difícil papeleta a que lle tocou asumir a Clara Féliz. Nada máis e nada menos que coller o relevo da muller que fundou Amas de Casa de Ribeira, agrupación coa que conseguiu revolucionar a cidade sempre defendendo os intereses dos seus veciños. Ao seu favor xoga o feito de ter formado parte, case desde o principio, da directiva liderada por Magdalena Bringas. Asume o mando con resignación, pero tamén coa ilusión de darlle continuidade a un colectivo que considera fundamental no tecido asociativo ribeirense. Iso si, amósase disposta a deixarlle paso a sangue nova en canto apareza a persoa axeitada.

Clara Féliz, a socia número 73 de Amas de Casa de Ribeira, nunca pensou chegar á presidencia da entidade ou, mellor dito, nunca quixo poñer enriba da mesa esta posibilidade: «Vinme obrigada, porque non me gustaría que con tantos anos de traxectoria e tanto traballo realizado, isto se acabara». Asegura que renderlle homenaxe á súa antecesora tamén a empurrou: «Magdalena dedicoulle moitísimas horas a este colectivo e sabemos que coma ela non haberá outra, pero imos tratar de que isto non se funda».

Como socia, como unha integrante máis da directiva e como vicepresidenta, Clara Féliz foi testemuña dos logros que a entidade foi sumando ao longo das súas case catro décadas de traxectoria: «Amas de Casa fixo moito por Ribeira. Fomos pioneiras en moitísimos eidos, desde a celebración da cabalgata de Reis, que nós impulsamos elaborando os traxes, ata as murgas de entroido, pasando por actividades para exaltar os produtos do mar, manifestacións en defensa dos intereses do pobo, viaxes que levaron o nome de Ribeira por toda España e cursos, pois cando empezamos non había ningunha alternativa para as mulleres».

Por todo isto e polo moito que queda por facer, Clara Féliz e as súas colaboradoras non están dispostas a tirar a toalla, aínda sendo conscientes de que con Magdalena Bringas se vai o motor da entidade: «A asociación segue a ser necesaria e así quedou demostrado na asemblea, cando o apoio á nosa candidatura foi practicamente unánime. A xente non quere que se desfaga a entidade. Hai un local que nos custou moito comprar e sería tristísimo que se perderan os froitos do esforzo realizado».

Relevo necesario

Xa Magdalena Bringas dixera que a mellor noticia para a súa despedida sería que unha persoa moza se animara a facerse cargo de Amas de Casa e tamén Clara Féliz comparte este desexo. Quere que o seu paso pola presidencia sexa temporal. Fala, de feito, dun período dun ano para deixar a entidade en mans dun novo grupo de persoas que cheguen dispostas a adaptar o colectivo aos novos tempos. Iso si, asegura que este período de transición non será desaproveitado: «De momento, temos ilusión, pois cartos xa sabemos que hai poucos. Imos loitar para darlle un novo impulso á agrupación, aínda que o primeiro será, claro está, darlle continuidade ás actividades que hai en marcha e tratar de melloralas na medida do posible».

Xa desde que Magdalena Bringas anunciou que, por motivo de saúde, se vía obrigada a abandonar a presidencia de Amas de Casa, as integrantes da súa directiva contactaron con diferentes candidatas potenciais, pero ningunha aceptou o reto de coller o relevo da veterana. Agora, Clara Féliz volve a facer un chamamento: «Necesitamos a colaboración dos ribeirenses, tanto de aqueles que queiran asociarse como dos que estean dispostos a involucrarse máis, para colaborar activamente coa entidade. Tamén estamos abertos, claro está, a ceder o mando». Mentres as novas xeracións non se animen, as incansables compañeiras de aventuras da fundadora da agrupación seguirán loitando, ata que o corpo aguante.

A asociación. Amas de Casa de Ribeira foi fundada hai 38 anos e a súa presidenta foi sempre Magdalena Bringas.

A elección. Clara Féliz foi a única que optou á presidencia nas elección do pasado día 2.