Amas de casa

Puede enviar sus textos a redac.barbanza@lavoz.es

A lá polos anos setenta do pasado século, fixeron entrada nos pequenos concellos as asociacións de amas de casa. Agora soa raro iso de ama de casa, pero hai 40 anos, o traballo habitual da muller era ese: coidar da familia 24 horas ao día e sen obter un salario a cambio. O seu tempo de lecer, se o tiña, tamén era coa familia; de feito, non estaba ben visto que saíse soa. As únicas reunións sociais permitidas ás mulleres reducíanse ás distintas funcións relixiosas. Pero, ¡viva!, aparecen as asociacións de amas de casa, primeiras entidades dinamizadoras da cultura do pobo. Facían elas soas iso que agora se leva a cabo desde os departamentos de cultura, turismo e incluso servizos sociais dos distintos concellos. Organizaban todo tipo de cursos, tanto para xente nova como para maiores, que serviron de xerme das actuais escolas de baile e de música tradicional. Fixeron que a muller puidese aumentar a súa formación en campos como a artesanía, a nutrición, o coidado persoal, as relacións laborais, as viaxes culturais e outras moitas actividades.

 

Coas todas as ensinanzas adquiridas, as mulleres comezaron a dinamizar a vida do seu pobo: exposicións, concursos, charlas formativas, degustacións, música, danza, teatro…. Hoxe en día o papel da muller mudou, en parte, grazas a estas mulleres que non se amedrentaron diante das adversidades e traballaron arreo en favor dos dereitos das familias e da muller en particular, dereitos dos que aínda queda unha espiña cravada: que se considere que ser ama ou amo de casa sexa unha profesión con todos os seus dereitos.

Grazas a Magdalena Bringas, Mary Lijó, Pura Escurís e outras moitas presidentas que coa inestimable axuda do seu equipo directivo puxeron en marcha as primeiras asociacións de amas de casa no Barbanza, que despois de corenta anos seguen a ser dos principais motores dinamizadores dos concellos. Ánimo para seguir!. María Luisa López. Boiro

Votación
3 votos
Etiquetas
Comarca do Barbanza Música Turismo Escurís Empresas Teatro Boiro
Comentarios