«Chicos»

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

21 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos estase a impoñer un curioso e para min, un tanto incómodo costume na nosa hostalería. A de que cando estás cun grupo de amigos da túa idade, ou mesmo maiores, o camareiro ou camareira te trate de «chico».

A primeira vez que me pasou foi nun restaurante de gran nivel que rexeitara a estrela Michelín, pero seguía sendo lugar de reunión de xente de mediana idade. A camareira apelábanos continuamente con ese termo, ata o punto de pensar eu se non nos estaría confundido con outro grupo. Porque no meu grupo o «chico» máis novo tiña corenta anos e xa peiteaba canas que daba gusto. E a partir de aí, os «chicos» sumaban quintas tan rápido como quintos.

Imaxínome unha explicación: a necesidade do camareiro de chamar de algún xeito neutro ou cómodo ao cliente, sen que a cousa pareza demasiado formal.

Os restaurantes formais non están de moda e a xente prefire «picar algo por aí», aínda que o tiquet final sexa da mesma contía neses espazos informais sen mantel nin cubertos de metal que nunha boa casa de xantar con servizo individual. É nese contexto no que chamarte «chico» pode soar ata adulador para moitos, pensando que son máis mozos do que en realidade son.

Pensándoo ben, só coñezo a unha persoa á que lle parece mal que lle chamen «chica»: á miña muller. «Eu son unha señora e bastante traballo me levou conseguilo», di ela con bromas, pero non lle falta razón. A vindeira vez que vos chamen «chico» reparade nisto e non vos deixedes levar moito pola nostalxia.