«Tiven que anular máis dunha cita co médico porque alguén aparcou no estacionamento»

La Voz

BARBANZA

P. CALVEIRO

21 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel de la Iglesia sacou o carné de conducir hai xa 12 anos co fin de seguir gañando en autonomía. O veciño de Palmeira, quen ten unha discapacidade física de nacemento, confesa que ten levado algún desgusto polo egoísmo doutros condutores e traballa dende a comisión de accesibilidade de Ambar na loita polos dereitos das persoas con diversidade funcional, entre eles, o de contar cunha bolsa de aparcamentos adaptados en condicións.

-¿Cales son os problemas que se atopan os condutores con mobilidade reducida no día a día?

-Os problemas máis frecuentes son os de atoparse con espazos reducidos, que non cumpren a normativa, e con que as prazas reservadas foron ocupadas por condutores que non teñen tarxeta ou se benefician dela sen ser os titulares.

-¿Diría que é unha tarefa case imposible aparcar no centro urbano do municipio?

-A verdade é que si, especialmente os sábados cando se monta o mercado. Este é un dos exemplos do que pasa. Hai catro prazas no Malecón de Ribeira pero case sempre están ocupadas indebidamente, un problema que se repite cada semana.

-¿Que se pode facer para solucionar esta situación?

-En primeiro lugar, fai falla máis presión policial. Xa non pido multas, pero si que haxa unha maior presenza para disuadir aos infractores. E, principalmente, traballar máis na concienciación da xente, onde está o fondo do problema.

-¿Que supón para unha persoa con mobilidade reducida o non dispoñer dunha praza adaptada?

-No meu caso, cando vou só, teño dado a volta porque atópaste sen máis opcións para estacionar o coche e baixar del de forma segura. Xa me pasou en máis dunha ocasión e tiven que anular máis dunha cita co médico porque alguén aparcou na praza adaptada. No caso do hospital de Barbanza pasa máis do mesmo, é un dos puntos onde a zona reservada resulta insuficiente, porque hai sete prazas e algún día están todas ocupadas.

-¿Doe máis a viaxe en balde ou que lle resten autonomía?

-Que che resten autonomía. Non pedimos máis que ninguén, só reclamamos os nosos dereitos e que non se poñan máis barreiras. Sen embargo réstanche autonomía cada vez que tes que pedirlle a persoa que vai contigo no coche, se é o caso, que faga as xestións que ías facer ti por non dispoñer dunha praza adaptada que che permita facelo por ti mesmo.

-E o problema para estacionar é a punta do iceberg.

-Hai moito que facer en relación á accesibilidade. Estanse a facer obras novas que seguen incumprindo as normativas de accesibilidade, por exemplo na rúa do Barreiro, en Palmeira, ou xunto ao hotel Río Azor [agora Ofiusa], onde non hai rebaixes, por exemplo.