Paisaxe olfactiva

AGUSTÍN AGRA

BARBANZA

O home é o único animal que rexeita o seu propio arrecendo

28 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Este día aprendín que un bufo, ademais dun xénero de anfibios entre os que se atopa o sapo europeo, é un peido cheirento que non fai ruído. Daquela, apenas as miñas neuronas comezaron a enlearse en pensar no papel que desenvolven as papilas olfactivas, o meu caletre deu en enfiar que os cans cheiran a can, os porcos a porco, as flores a flor, mais que o home -estraño animal o home!- é o único animal por min coñecido que rexeita o seu propio arrecendo.

Ben pensado, discorrín, o noso comportamento non deixa de ser, cando menos, curioso: de primeiras acicalámonos e odorizámonos con artigos de perfumería e cosmética: colonias e perfumes varios, desodorizantes, lacas, body milk e un longo e íntimo etcétera, para logo consumir litros e litros e máis litros de auga cos que, coa axuda de xampú, xel de baño ou xabón, destruír a obra de arte odorífica -se ben mesturada con suor e outros aditamentos corporais- que tanto esforzo previo nos deu aviar.

Explosión sexual

Descoñezo o motivo polo que, con relativa frecuencia, me acode á mente unha pasaxe da novela O mapa e o territorio, de Michel Houellebecq -a miña cabeciña non sempre se deixa guiar por razoamentos canónicos-. Nunha das súas páxinas, o autor francés describe un campo de flores en primavera como unha explosión de vulvas e penes de cores rechamantes, reclamos olfactivos e visuais para unha miríade de insectos, aves ou diversas especies de morcegos. Estraño animal o home, dou en pensar nesas ocasións, que non quere recender a si mesmo senón que camufla o seu olor cunha fragrancia, un perfume, unha colonia... cun produto deseñado cos fluídos emanados polos órganos sexuais dalgunha anxiosperma, as plantas con flores que se valen da zoofilia, a axuda dun animal, como axente de polinización.

Sépalos conformando cálices; corolas cos seus atractivos pétalos; estames cunha presada de grans de pole no interior das anteras; ovarios abrigando óvulos en número variable: destino a acadar tras a arribada ao estigma e a travesía do estilo; néctar dos nectarios co engado engadido das súas irresistíbeis substancias aromáticas...

Púdico desexo

É probable que alguén engurrara o cello ou torcese o bico antes de acadar este parágrafo; mesmo tamén é posible que algún ou algunha, dada a deriva da temática, coutara a lectura deste texto antes do final. A miña intención non era esa, mais tampouco vou negar a existencia nel de certo púdico desexo, mellor sería dicir vontade, de provocación. Recoñezo ser dos que coida que a obscenidade non radica nin nas paisaxes -aínda que estas sexan impúdicos campos florecidos- nin nas palabras -malia que se refiran á sexualidade animal ou vexetal-. A verdadeira obscenidade atópase nos comportamentos e nas mentes, debemos buscala entre as miserias que vemos e escoitamos acotío. Obsceno é, abofé, considerar a sexualidade obscena.

Segundo o dicionario da Real Academia Galega, outro dos varios significados que amosa o verbo bufar, asemade sinónimo de bufiñar, é o de rosmar, o protestar entre dentes. Prégolles xa que logo que sexan amables e non me bufen nin me bufiñen. Gocen, mentres poidan, das nosas paisaxes: xaora é primavera!

Houellebecq describe un campo de flores como unha explosión de vulvas e penes de cores