O motor do legado de Valle-Inclán

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Ven de deseñar unha ruta por Santiago e traballa en outra pola ría de Arousa

11 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Títulos como Comedias bárbaras, Luces de bohemia ou as Sonatas fan que o nome de Ramón María del Valle-Inclán traspase fronteiras. A pesar da transcendencia que o escritor acadou no panorama literario internacional, a Galicia que inspirou boa parte da súa obra tiña co creador do esperpento unha débeda que semella está empezando a ser saldada. O barbancés que máis loitou por divulgar a súa figura, primeiro como historiador, despois como concelleiro de Cultura e agora como director do museo local dedicado ao literato, está contribuíndo a poñer en valor a un dos autores clave da literatura española do século XX.

Antonio González contribuíu a confeccionar a primeira guía valleinclaniana que xunta as salas de Vilanova e A Pobra, incluíndo dous itinerarios polos lugares vinculados ao escritor, e tamén asumiu a confección dunha ruta por Santiago. En breve, verá culminada a elaboración dun libro e a montaxe dunha exposición sobre a Torre de Bermúdez. Para completar o círculo, aínda lle quedan varias materias pendentes. Asegura que divulgar con rigorosidade a figura do creador do esperpento e explotar a nivel turístico o legado do escritor son os obxectivos que o moven.

Vilanova e A Pobra hai xa tempo que estreitaron lazos para promover de forma conxunta a figura do seu escritor máis ilustre, pero a guía que veñen de sacar á luz conxuntamente supón varios avances: «É un volume editado en catro idiomas (galego, castelán, francés e inglés), pois os museos das dúas localidades contan cada vez con máis público internacional, e é ademais unha publicación que pode consultarse a través de Internet», explica.

O escritor é clave, tanto a nivel cultural como turístico, en ámbalas dúas vilas arousás, por iso para Antonio González, o paso máis importante que ven de darse en relación a Valle-Inclán é a confección da ruta que, partindo da Alameda, percorre diversos lugares de Compostela relacionados co autor: «O que pretendín foi lembrar que Santiago foi o principio e o fin de Valle como escritor. Alí confeccionou as primeiras publicacións como xornalista, en Café con gotas e El país gallego, e alí foi onde faleceu, cando seguía escribindo».

Máis de 500 usuarios

Desde a súa posta en marcha, a finais do ano pasado, o itinerario xa foi realizado por máis de medio milleiro de persoas, unha cifra que para o pobrense ten a entidade suficiente como para dar outro paso, de xeito que sexa comercializado como un atractivo turístico máis da capital de Galicia. Coa colaboración de persoas como Pilar Sampedro e Joaquín del Valle-Inclán, Antonio González exerceu de anfitrión nas primeiras camiñadas que se realizaron, pero hai un par de semanas impartiulle un curso a membros da Asociación de Guías Turísticos de Santiago co fin de darlles o relevo: «O meu papel foi deseñar o itinerario e poñelo en marcha, pero agora teñen que ser outros os que asuman esta proposta como unha alternativa máis de turismo e de cultura».

É que o barbancés ten outros proxectos enriba da mesa. O que antes verá a luz, concretamente o vindeiro día 18, é a presentación dun libro sobre a historia da Torre de Bermúdez, que inclúe debuxos realizados por Héitor Picallo, ilustracións que integrarán unha exposición.

Antonio González tamén está a traballar na elaboración dun percorrido similar ao posto en marcha en Santiago pola ría de Arousa: «Será un itinerario que descorrerá por tódalas poboacións da ría vinculadas ao escritor». E ten pendente, desde a súa época como xerente da mancomunidade Arousa Norte, unha idea que non lle importaría levar a cabo en breve: «Barbanza ten que ter a súa ruta Valle-Inclán».

Aplausos para o teatro

Estas iniciativas que perseguen divulgar o legado patrimonial do escritor, aqueles lugares nos que deixou pegada, estanse a completar na actualidade coa aposta teatral que diversas compañías están a facer para, aproveitando o vencemento dos dereitos de autor sobre a obra de Valle, levar textos seus ás táboas traducidos ao galego. O director do museo pobrense non se perdeu a estrea de Producións Excéntricas Teatrais nin as dúas do Centro Dramático Galego: «As tres postas en escena demostran que cando un autor é grande, dá igual no idioma no que se represente; o texto non sofre, ao contrario, segue igual de rico».

El está convencido de que Valle-Inclán non escribiu máis en galego por cuestións de mercado, pero non sería contrario á tradución: «En vida autorizou ou consentiu que seis relatos de ficción apareceran en galego en revistas da época. O que ocorría é que el vivía do negocio do libro e por aquel entón non había demanda en galego». Para González é unha ledicia que a obra do creador do esperpento quedase liberada: «Como pasou con Rosalía de Castro, Valle-Inclán osixenarase e chegará a un público novo. Carecía de sentido que un autor que está traducido a 140 idiomas non tivese a súa obra en galego, a lingua da súa terra».