Toda a vida coa pandeireta na man

BARBANZA

cedida

Empezou a tocar a e a bailar con 3 anos e agora impártelle clases a 50 alumnos

12 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para que a música e o baile tradicionais, unha parte fundamental da cultura popular galega, non esmorezan e teñan garantido o seu futuro mediante a implicación das novas xeracións, ten que haber xente como Carla Brión. Ela non só promove o folclore a golpe de pandeireta e de ensaiados pasos, formando parte de Aroña, unha das agrupacións punteiras de Barbanza que ten o seu centro de operacións na localidade boirense de Escarabote; senón que espalla a semente a través de Arrancadeira, unha formación que ela mesma fundou na Pobra e cuxos integrantes verán este domingo cumprido o soño de protagonizar o seu primeiro espectáculo.

Coa tensión propia das estreas, Carla Brión non pode evitar botar a vista atrás para atoparse no camiño coas tres nenas que un bo día lle pediron que lles impartira clases: «Eu tiña un bar aquí na Pobra e unhas pequenas que vivían na zona insistíronme porque querían aprender a tocar a pandeireta». Ela tiña experiencia na materia, pois levaba desde os 3 anos involucrada na música e no baile tradicionais. Quizais se veu reflectida naquelas cativas ou quizais empezou a ter claro que tiña que dar un paso máis para favorecer o relevo xeracional. Fora como fose, lanzouse e, como o boca a boca é sempre a mellor das plataformas de lanzamento, o Concello pobrense non tardou en requirir os seus servizos para a posta en marcha dunha escola.

Eran os comezos de Arrancadeira, unha agrupación que partiu da nada, pero que non tardou en medrar: «Empecei con cinco nenas de 4 anos e pasado un ano xa tiña case corenta alumnos. Na actualidade son medio cento e hai desde nenos de 2 anos ata adultos de 50. O obxectivo de Carla Brión é trasladarlle aos seus pupilos a paixón que ela sinte polo folclore: «Non me limito a amosarlles pasos de baile e a transmitirlles as técnicas para manexar a pandeireta, senón que lles explico como era a vestimenta no pasado e como se desenvolvían os seráns ou as vodas tradicionais».

Boa saúde folclórica

Para o festival que terá lugar este domingo no cine Elma, a agrupación leva cinco meses ensaiando, aínda que pode dicirse que a montaxe é o resultado de dous anos de traballo, os que leva funcionando a formación. Carla Brión non quere desvelar os detalles do espectáculo, pero avanza que se prolongará unha hora e que comezará coa representación dunha foliada á antiga usanza.

A curta pero intensa traxectoria de Arrancadeira, un grupo que xa participou en algunha que outra festa e que contribuíu a animar un par de seráns, é un exemplo da boa saúde que atravesa o folclore tradicional en Barbanza, unha traxectoria que Carla Brión espera que siga a ser ascendente no futuro: «A día de hoxe hai moitos grupos funcionando e hai canteira, pero espero que non sexa unha moda pasaxeira, como tantas outras». Esta pobrense seguirá loitando, na medida das súas posibilidades, para que así sexa, convencida de que hai moitos barbanceses que comparten a súa vocación, aínda que parte deles non o saiban: «Penso que dentro de cada un de nós hai un gaiteiro ou unha pandereteira, aínda que ás veces non chegue a sacarse á luz nunca».

Arrancadeira aspira a converterse nun dos grupos que se encarguen de garantir o futuro da música e do baile tradicionais en Barbanza, e Carla Brión confía en seguir moitos anos á fronte da agrupación, e iso que nestes intres está na recta final dos estudos de Educación Infantil: «O meu obxectivo é seguir toda a vida compaxinando as miñas dúas paixóns, a educación e o folclore tradicional».