O incansable creador de proxectos musicais

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Co Martín Códax na man, xa pensa en novos retos: concertos en «streaming» e un gran festival

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Imposible falar da movida de Barbanza sen mencionar o nome de Suso Santamaría e sen facer referencia á Pousada das Ánimas e ao Guajiro. Pero agora que aquelas noites interminables con centos de noctámbulos deixándose arrolar pola música son historia, este boirense segue a estar na crista da onda, se cabe, máis aínda que naquela época dourada. A explicación é moi sinxela, soubo adaptarse aos tempos e foi quen de converter un punto de encontro dos amantes da salsa nunha sala de concertos que a día de hoxe é un referente en Galicia.

«Demostrei que si se pode, que é posible competir na casa, transcender desde unha localidade pequena como Boiro». Pronuncia estas palabras respondéndolle ás moitas persoas que, ao longo do duro camiño percorrido, lle dicían que se estivera en Santiago, en Madrid ou en calquera cidade triunfaría seguro. Pero Suso Santamaría quixo apostar pola súa terra, seguro de que algún día se convertería na república creativa que é hoxe en día. E despois de recibir en contables ocasións o cariño do público e os aplausos dos artistas aos que brinda constantes empurróns, hai pouco máis dunha semana recollía un dos prestixiosos Martín Códax: «É un galardón que me reafirma no camiño que estou seguindo, un apoio ao que fago e unha ledicia moi grande, porque vexo que o meu traballo é recoñecido máis alá de Barbanza».

A etapa salseira

Aínda que é agora cando polo escenario da Pousada desfilan os grupos de música e os actores de referencia en Galicia e incluso do exterior, Suso Santamaría non pode evitar estrañar os primeiros anos do local, a época do Guajiro: «Sempre hai que pensar que o mellor momento é o que está por chegar, pero cando a sala era un local de salsa foi cando eu máis gocei. Era a miña festa».

Co positivismo co que fala o empresario boirense podería pensarse que o seu foi un camiño de rosas, ao que lle botou, iso si, valor e moita imaxinación, pero nada máis lonxe da realidade. Atopouse cunha espiña, que por momentos pensou que era das mortais, alá polo 2002: «Paseino mal de verdade. Estiven dous anos en Inglaterra conseguindo cartos para non perder o negocio. Estando alí só pensaba en seguir programando actuacións».

Hai quen, cando sae do pozo, faino para emprender unha imparable traxectoria ascendente. Ese foi o caso de Suso Santamaría. Despois da súa etapa como emigrante, cando regresou á casa fíxoo decidido a apostar forte pola súa Pousada: «Concibín a sala coma un negocio e, desde entón, o único que fixen foi escoitar aos clientes e deixarme guiar por eles». E aí, nesa loita constante por satisfacer ao público e no fervedoiro de ideas que ten na cabeza Suso Santamaría encaixan os proxectos que están enriba da súa mesa: «Unha das apostas de futuro vai ser compaxinar o público en sala co que poida seguir os concertos por Internet. A idea é retransmitir actuacións en directo». Con este reto no horizonte, a sala boirense afrontará unha nova reforma, orientada sobre todo a mellorar as características técnicas.

O papel de promotor

Pero, aínda que é e será a peza fundamental do seu quebracabezas, A Pousada xa non constitúe o negocio exclusivo deste empresario, que ven de facer oficial o rol de promotor de eventos que xa viña desempeñando desde hai un tempo: «Era o camiño natural no que tiña que desembocar a traxectoria da sala». Santamaría xa demostrou o verán pasado que é quen de organizar un ciclo de actuacións capaz incluso de transcender do local. Da man de Arousa Norte, puxo en marcha os Vermús Musicais, unha iniciativa que terá continuidade este ano: «É nunha marca que me gustaría deixar asociada a esta comarca e non ter que exportala, porque mancomunar a música soa moi fermoso».

Coma un bo creador que é, négase a desvelar tódalas ideas que lle bulen polo maxín, aínda sendo consciente de que poucos serán quen de plaxiarllas: «Ninguén se embarca nas tolemias que se me ocorren». Si avanza que empeza a ter claro o gran reto no que poden confluír tanto as propostas que está brindando a súa sala como o traballo nesa Pousada Producións que ven de fundar: «Quero que todo desemboque nun festival, pero dos grandes, e penso que vou ben encamiñado».