«Queremos que este primeiro disco sexa máis escuro, cun estilo 'stoner'»

BARBANZA

cedida

Despois de lanzar dous pequenos traballos, a banda prepara un elepé para este ano

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabela Sampedro (guitarra) integra, xunto con Aislinn (guitarra), Susana (vocalista), Paula (batería) e Lucía (bajo), Agoraphobia, un grupo que iniciou a súa andaina en Boiro alá polo 2006. A banda recollía, hai un par de semanas, o premio Martín Códax na categoría de rock, atopándose en pleno proceso de realización do que será o seu primeiro disco de gran formato. A guitarrista situouse diante dos micrófonos de Radio Voz para falar do galardón e adiantar algúns detalles dese traballo.

-Non era a primeira que optaban a este premio, ¿sorprendeulles a vitoria?

-A banda estivera nominada o ano pasado, pero entón non conseguimos o premio. Nesta ocasión non iamos moi convencidas, porque o resto dos competidores eran dun nivel alto. Aínda que non o gañáramos, estaríamos igual de satisfeitas.

-¿Que supuxo escoitar o nome de Agoraphobia?

-Fíxonos moitísima ilusión e, pasados os días, vimos o que supoñía, recibimos as felicitacións de moita xente.

-Van catro edicións, pero estamos falando duns premios con gran relevancia...

-Si, porque compite xente á que valoramos moito e é un certame con gran repercusión mediática, incluso máis alá de Galicia.

-No 2013, o grupo gañara outro galardón, o Vodafone Yu, que mesmo supuxera un punto de inflexión, ¿non si?

-Si, porque nos permitiu gravar o noso primeiro traballo, con sete cancións, e mesmo iniciar unha xira por España con grupos de relevancia.

-E agora están mergulladas na gravación do que será o primeiro disco de gran formato, ¿en que punto están?

-Estamos no estudo dándolle forma aos temas e xa temos bastante material. Antes de empezar a traballar fixemos unha selección e descartamos un bo número de cancións. Queremos que este primeiro disco sexa máis escuro, cun estilo stoner. Quedámonos cos temas que tiñan esa atmosfera máis interesante e os outros gardámolos, quizais para máis adiante.

-De algún xeito, dará certa mágoa deixar traballos de lado...

-Case sempre buscamos a forma de reutilizalos, pois realmente gústanos todo o que facemos.

-¿Hai algunha data prevista para a gravación?

-Nos últimos días estivemos coa preprodución e, esta semana, está a ser de descanso, pero para a seguinte volvemos. Queremos que o disco saia este ano e aínda queda moito por facer. Non podemos permitirnos demorar moito o proceso.

-¿Como son as letras das cancións dese novo traballo?

-As letras foron evolucionando co grupo, nelas falamos de cousas que nos gustan ou nos preocupan. Tamén deixamos un espazo para a crítica de temas que nos afectan como persoas e tamén como mulleres.

-Tendo en conta que todas teñen as súas ocupacións, ¿non é difícil atopar tempo para o grupo?

-Cústanos moito, porque todas estamos estudando ou traballando e temos que quedar os fins de semana, que é tamén cando son os concertos.

-¿Como é o proceso de composición dos temas?

-Partimos de ideas sinxelas, mesmo do ritmo dunha guitarra ou dunha batería, e imos dándolle forma entre todas.

-¿Como se presenta o verán?

-Cando rematemos de gravar o disco, a comezos de xuño, prepararemos o directo de cara ao verán. En principio, non queriamos coller moitas datas, conscientes de que o disco nos ía ocupar bastante tempo, pero foron xurdindo concertos e, ao final, temos practicamente todo o verán cheo.

-Ao fin e ao cabo, todo grupo quere tocar, ¿non?

-O directo é o que máis nos gusta, aparte do proceso de composición, claro. Sobre un escenario sempre damos o mellor, todo o mundo nos di que é onde máis se capta a nosa esencia.

-Despois de xirar por moitos escenarios de España, ¿que senten cando regresan a Boiro?

-A priori, tocar en Boiro ou en Granada debería ser o mesmo. A diferenza é que na casa están a familia e os amigos, e iso é o máximo. Tamén se sae mal en Boiro, doe máis. Hai máis respecto.

-Suso Santamaría, Sonia Lebedynski e Agoraphobia con premios Martín Códax, ¿que pasa en Boiro?

-Iso é o que nos pregunta todo o mundo. Na gala estabamos en familia. Unha mágoa que The Lákazans non redondeara a noite. Sempre que nos preguntan contestamos que é contaxioso, ter grupos bos ao lado inspira.