Talento local que invita a compoñer

BARBANZA

cedida

Veñen de lanzar un concurso dirixido aos afeccionados a escribir cancións

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata que os seus camiños se cruzaron e decidiron fundar RqR, Alberto Romero e José Luis Regueira eran, coma o feixe de afeccionados á música que hai en Barbanza, dous nómades que ían de grupo en grupo en busca de escenarios nos que poder amosarlle ao público o seu talento. Agora, aínda que estrean formación, este segue a ser o seu reto principal. Conscientes de que, para saír fóra dese circuíto local de concertos, conformado en gran medida por locais hostaleiros e festas, a promoción é fundamental, eles xa puxeron en marcha a maquinaria. O eixo central é, como non podía ser de outra forma, Internet.

A Rede, concretamente o portal que abriron en Facebook, é a plataforma de lanzamento dunha orixinal iniciativa que estes muradáns puxeron en marcha co fin de chamar a atención. Trátase dun concurso de composición, un certame sinxelo co que aspiran a darlle un empurrón a aquelas persoas que senten o desexo de escribir e incluso o fan, pero sen atreverse a dar o paso definitivo de sacar á luz as súas obras. Cancións, poesías, breves relatos de aventuras e incluso loucuras. Romero e Regueira din que lles vale practicamente todo para, cos acordes axeitados, tentar darlle forma a unha desas estrofas pegadizas. Quen sabe se desta orixinal iniciativa sairá o éxito do verán.

De momento, a convocatoria está feita e os interesados en sumarse a ela teñen ata o vindeiro día 31 para facerlle chegar a RqR as súas propostas a través da páxina de Facebook. O método elixido para a elección da composición gañadora é sinxelo: será aquela que máis polgares en alto consiga no prazo de dúas semanas. E, a partir de aí, este dúo de artistas encargaranse da parte final, consistente en compoñer un pequeno tema, un proceso no que incluso poderá participar o autor da letra se o estima oportuno.

Alberto Romero explica que o obxectivo é dar a coñecer o grupo, que iniciou a súa andaina a finais do ano pasado, e tamén brindarlle unha oportunidade aos compositores anónimos da zona: «Sabemos que hai moita xente que escribe e a idea é que se animen a enviarnos esas letras e nós encargarémonos de poñerlle música e convertelas nunha canción».

Entre o amor e a protesta

RqR empregará o Facebook e a canle que ten en Youtube para difundir os froitos deste certame. Estas son as dúas plataformas que utiliza na actualidade para dar a coñecer o seu repertorio, cancións propias, realizadas a partir de letras de Regueira, vestidas con acordes de pop e de rock, e impregnadas dun toque reivindicativo. «Alberto é máis romántico e eu son o que protesta, pero o certo é que compaxinamos moi ben e tratamos de ofrecer música para tódolos públicos», explica Regueira.

A posta de largo da formación tivo lugar o pasado 8 de abril en Louro e, pouco despois, o dúo marcouse como obxectivo ir lanzando temas, de forma periódica, a través da Rede, un reto que están a cumprir. Queren darse a coñecer e tratar de pechar un calendario de actuación para este verán, conscientes de que os meses estivais son o período forte para calquera grupo musical. «Sabemos que, como forma de vida, a música non é un eido doado, polo que a nosa intención a día de hoxe é tocar a pasalo ben», comenta Alberto Romero. A súa outra metade, José Luis Regueira, dálle a razón: «Queremos coller soltura enriba do escenario e seguir amoldándonos. Con que nos vaian saíndo algúns concertos xa estaremos contentos».