Os «likes» polo Día das Letras Galegas

Antón Parada

BARBANZA

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O obxectivo desta crónica podería resumirse nunha mestura dun propósito de emenda persoal e dunha seria reflexión para a sociedade galega actual. A estas alturas do ano xa levo acumulado un número importante de avisos e recomendacións de compañeiros e coñecidos para que as verbas que adoito verter nesta sección estean guiadas polo legado dos escritores galegos e non, como sempre emprega de retrouso un gran amigo cando se anoxa, «con la mano de Cervantes». Ben, chegou ese momento e por iso debo desculparme. Non por escribir na lingua na que medrei e fun educado, senón porque chegou durante o Día das Letras Galegas.

A evolución desta data cultural e reivindicativa pasou por un proceso semellante á do Primeiro de Maio, pois a unha gran parte da poboación parece que só lle preocupan os datos do paro ou que só se lembran da sucesión de reformas laborais nesa xornada. Cos 17 de maio sempre ocorre algo similar. O seguinte relato podería ilustrar o acontecido nos últimos anos.

Onte, nada máis abrir a páxina de Facebook, atopeime cunha curiosa epidemia de contaxio galeguista (oxalá non tivera vacina). O meu muro desta rede social estaba repleto de publicacións de xente á que, honestamente, nunca lles escoitara unha soa palabra en galego e que agora pareceron obter dun día para outro o carné da Mesa pola Normalización Lingüística. Mais alí estaban as publicacións con extractos de poemas de Rosalía e Casares, en cores charramangueiras e letras cuxo tamaño ben valería para titular o gran terremoto de San Francisco. Este feito fíxome lembrarme de moitas cousas. Recordei cando marchei a estudar a Madrid e, cando levaba un día no colexio maior, da ledicia ao atoparme con compañeiros chegados tamén do territorio galego. Pouco me durou a felicidade, cando despois de tres intentos só recibía respostas en castelán. ¡E iso que estabamos na intimidade, como diría algún ex presidente!

Regresei a Ribeira cunha negra sombra levitando sobre a testa: na Villa acusábanme de galeguista e na terra de españolista. Algúns dos que me sinalaron na volta viviran esa curiosa transformación na USC, na que entraron dicindo «buenos días» e saíron graduados cun «deica logo». Penso que a mensaxe está clara e prometo sumarme a ela. Falar e escribir en galego non se reduce a unha pose, a un postureo anual. Só por un puñado de likes.