«O que nos fai falla non é máis talento, senón canles axeitadas de difusión»

A. Novo / m. x. blanco

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Reivindica a calidade dos artistas galegos e fai fincapé na necesidade de medios

23 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano, Sonia Lebedynski estreaba o seu primeiro disco en solitario, Deserto de centos. Era un traballo esperado, tanto pola autora como polo eido da música, que ansiaba ver do que era capaz a que fora a voz de Fía na Roca ao longo dunha década. A resposta do público xa confirmara a calidade dos temas, algo que ven de ser ratificado polos compañeiros do gremio e polo xurado dos Martín Códax, que lle concedeu á artista afincada en Boiro o premio na categoría de canción de autor.

?¿Como recibiu o galardón?

?Con moito agradecemento e con moita ilusión. Calquera das tres propostas podía ser a elixida. Neste caso, foi o meu proxecto, pero sempre é un éxito compartido con Tatán e Xan Curiel, porque son músicos e compañeiros desta marabillosa profesión aos que admiro moito.

?¿Había un discurso preparado?

?Tiña algunhas ideas, pero o certo é que os nervios e a emoción do momento non me permitiron nomear a todo o mundo que tiña en mente. Estamos preparados para subir ao escenario a cantar, pero esa tesitura non é a habitual, así que hai que ter algo en carteira.

?Aínda que só teñen catro anos de traxectoria, trátase duns galardóns importantes.

?Si, a verdade é que son premios que foron medrando axiña, que foron collendo moita consistencia, e non só no gremio, que parece que cada vez está máis unido, senón tamén a nivel social, desde a presenza dos premios nos medios ata o interese do público por coñecer o resultado. Penso que nesta edición houbo incluso máis interese que nas anteriores e espero que se prolongue no tempo.

?Ademais, son premios especiais porque son os compañeiros os que votan.

?Efectivamente, son os nosos premios, pois son os compañeiros do gremio os que fan a primeira rolda de votacións. Somos os socios os que votamos aos proxectos inscritos e logo é un xurado profesional o que falla.

?¿É tamén un certame para reivindicar a importancia da música en Galicia?

?Estes premios son unha clara evidencia de que aquí se fan moitas cousas e de gran calidade. O que nos fai falla non é máis talento, senón canles axeitadas de difusión. Os premios son un bo termómetro de que a situación e o sector están moi potentes, sobre todo a nivel de xente con ideas. Non precisamos nada máis que querernos e pensar en grande, non hai que poñer as miras fóra.

?Esta edición recompensou a tres boirenses, ¿que pasa neste municipio?

?Eu que non son de Boiro, pero que me considero deste pobo, o que sentín e sinto é unha verdadeira efervescencia en calquera das disciplinas. Se de algo podemos presumir é da gran factoría cultural que temos, na que xorden ideas, colectivos con gañas de traballar sen agardar nada a cambio. É un orgullo poder participar deste movemento.

?¿Como está a ser a resposta do público diante do seu Deserto de centos?

?Hai un ano por estas datas fixemos a estrea no Miramar e foi un acontecemento marabilloso, un dos mellores deste proceso, rodeada da miña xente e da miña banda. Os froitos vanse recollendo pouco a pouco, primeiro mediante concertos e agora con este Martín Códax. Estou saboreando cada paso e facendo unha valoración moi positiva.

?Sempre é especial actuar na casa.

?Por suposto, o grao de paixón medra cando o público ten un vínculo especial con un. A responsabilidade é maior, pero contrarrestase co cariño.

?¿Ten tempo para novos proxectos?

?De momento, estou centrada en Deserto de centos, porque foi un proceso longo, de cinco anos, aínda que non fora de forma intensa. Estou saboreando cada segundo sen máis pretensións. Si que é certo que sinto xa a necesidade de escribir temas que seguro formarán parte de futuros traballos, pero será con calma.