O plano, para entender a cidade

PEDRO GARCÍA VIDAL

BARBANZA

CEDIDA

Ofrece a pegada impresa da apropiación humana dese lugar

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña primeira visión dunha cidade é sempre a través do seu plano. Alí, sobre o papel, unha combinación de superficies libres e construídas ofrece a pegada impresa do proceso de apropiación humana dese lugar. O perdurable do plano é o que fai del un elemento imprescindible para comprender unha cidade. Os edificios, a pel urbana, muda; só o plano, o seu ser máis íntimo, permanece invariable. Por iso, a análise desta singular radiografía aérea constitúe unha achega sempre valiosa á hora de coñecermos a evolución histórica de calquera establecemento urbano. Forma e estrutura, así como diferentes fases do desenvolvemento, ofrécense á mirada interesada.

Entender a cidade, a súa xeografía, esixe entender ese suceder de formas de cultura que encontraron acougo neste particular espazo humanizado: distintas tramas falando dun mundo que chega á súa fin e inicia un novo tempo, o tránsito dunha orde espacial á outra. Busco primeiro as orixes, o lugar escollido para o primitivo establecemento. Sigo pistas reveladoras: a presenza de rúas estreitas, sinuosas, con nomes de resonancias antigas; parcelarios miúdos en quinteiros de reducido tamaño; a irregularidade manda neste sector da cidade. Naquel tempo inicial, a topografía imponse ao camiño que segue as súas directrices; logo, a arquitectura conquista os bordos da senda para convertela en rúa que vai prolongando a cidade fóra dos seus iniciais lindeiros.

Na Antigüidade e Idade Media, os outeiros, como emprazamentos defensivos, propiciaron planos radiocéntricos dende un primeiro recinto amurallado no cume. Igualmente, en todas as épocas, as frontes de mar facilitaron o trazado de rúas paralelas ás augas e outras perpendiculares cando a costa é máis ou menos recta. Tamén o contorno da muralla determinou no pasado o trazado das rúas. Por último, as vías de comunicación principais, crearon planos lineais, con rúas paralelas á principal.

Factores condicionantes

Os factores de tipo relixioso-cosmolóxico condicionaron, igualmente, sobre todo na antigüidade, a forma e o plano da cidade. Planos circulares e cadrados, as dúas formas máis simples e máis utilizadas de cidade, corresponden, na súa orixe, a unha forte carga simbólica. Por último, a incidencia de factores de tipo económico foi sempre decisiva na configuración do plano, posto que o crecemento da cidade é ante todo produto de forzas económicas.

A cuadrícula dos traficantes de solares impón hoxe o seu ubicuo predominio na cidade especulativa para favorecer o máximo aproveitamento dos terreos fuxindo de calquera mínima intencionalidade estética.

Logo de visualizado o plano, dispóñome a camiñar de vagar a cidade. A miña memoria virtual retén unha paisaxe moi reducida: un elemento natural como pode ser un río ou un outeiro, unha rúa principal directora, unha praza senlleira, unha ponte ou un bordo que separa espazos diferenciados. Con estes catro ou cinco fitos referenciais o meu hipocampo cerebral confecciona un mapa interior, e grazas a eles avanzo confiado sen perderme. Eses mapas visuais que teño memorizados van permitir acceder ao resto de direccións e camiños da cidade. Nese intre xa non preciso camiñar co plano na man ou co móbil en forma de GPS como os turistas. Paseo confiado e coa mirada atenta a contemplar a máis artificial das paisaxes. Todos os sentidos alerta apreixando a súa alma, ese punto de encontro entre o racional e o sensitivo que move a capacidade de emocionarme.

Fotoplano correspondente á cidade de Santiago de Compostela