Os odotopónimos son os nomes de lugar que fan referencia aos camiños de maior ou menor entidade: Camiño Real, Camiño Ancho, Vieiro, A Estrada, Verea, Brea, Couzada, Carreira Vella, O Confurco, Corgo, Congostra. Non fai falla destacar a importancia das comunicacións dende antigo, pero si o feito de constituír unha enorme pegada na toponimia polos servizos ao viaxeiro (Meixón, Parada, Pousa, Pousada) e tamén por seren, quizais, a orixe de cidades tales coma París ou Roma, nacidas á beira dos camiños.
As congostras tiveron vixencia mentres se fixo uso do carro, e deron lugar a numerosos nomes en Covelo, Ortigueira, Narón, Meis, O Vicedo, Chantada ou Vilagarcía. Estes camiños de carro estreitos e fondos, coma feridas na propia terra, veñen co seu étimo latino «coangustam» («estreita») a corroborar a angostura e a ruralidade.
A beleza e o misterio pódese comprobar nunha das poucas congostras que seguen intactas: a impresionante congostra da Carballa na parroquia de Deán (Ribeira).