Os vindeiros trinta

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana celebráronse os primeiros 30 anos do Museo Valle-Inclán. A rehabilitación da Torre de Bermúdez -cunha clara orientación valleinclanesca- e o seu uso cultural (biblioteca, museo e salón de actos) é algo que lle debemos ao alcalde Segundo Durán, e de persoas xustas é recoñecelo; daquela, A Pobra converteuse nun espazo pioneiro a nivel de usos culturais dentro da comarca.

Eu aínda lembro a primeira inauguración; máis que un museo era unha acumulación de lembranzas valleinclanescas dispostas como unha colección do século XIX. Logo os tempos cambiarían e o museo tería xa unha clara planificación museográfica e profesional que lle debemos ao seu actual director. A Torre de Bermúdez ten o encanto do singular e único dentro dos pequenos museos do país.

A conmemoración debera facernos pensar nunha estratexia para o futuro, aprendendo do pasado. A imaxe da Pobra do Caramiñal, na comarca e de cara ao exterior, está baseada no patrimonio cultural, na historia e na creación artística, cun modelo que non tardou en ser emulado por outros concellos cun rico patrimonio rural. A nosa vila debera pensar en termos de futuro, vendo cales son os seguintes pasos.

O castro de punta Ostreira, que se atopa en bo estado de conservación e próximo á vila e á mellor zona de ribeira da ría de Arousa; a recuperación de pequenos edificios medievais para complementar a oferta museográfica ou a construción dunha boa narrativa sobre os puntos fortes da localidade, coma o Renacemento ou a fidalguía, poderían ser os vindeiros pasos a seguir.