A Deputación súmase ao pacto pola economía circular e impulsa o uso do galego

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Aprobouse unha ordenanza sobre o emprego da lingua autóctona

27 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Declaración de Sevilla recolle o compromiso das cidades pola economía circular, e a Deputación vén de unirse a ese pacto tralo pleno celebrado onte. Por outra banda, tamén se deu luz verde co voto unánime dos grupos a unha ordenanza para impulsar o uso da lingua galega.

No que respecta á economía circular, a Deputación coruñesa comprometeuse a desenvolver unha serie de liñas de actuación para avanzar cara un modelo que transforme os residuos en recursos, co obxectivo de aumentar a competitividade, reducir as emisións de gases contaminantes e facer un uso eficiente dos recursos naturais.

En canto á ordenanza para o uso do galego, xurde, segundo explicou a vicepresidenta da Deputación, da necesidade dun compromiso institucional para garantir o futuro da lingua e afondar na normalización lingüística.

Outro dos asuntos aprobados durante a sesión, neste caso coa abstención do grupo do PP, foi unha moción instando á Xunta a rexeitar a segregación das actividades nas centrais de Ferroatlántica en Cee e Dumbría.