Olloboi roza o cento de traballos

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Zarauza, Luis Avilés, Miguel de Lira, Jorge Coira, Pedro Brandariz e o equipo de Porco Bravú estarán na gala

27 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Día 9 de xuño • Boiro • A partir das 10.00 horas • Achégase o 9 de xuño, a data fixada para a gala de entrega dos premios do festival audiovisual escolar Olloboi e vanse coñecendo os detalles da cerimonia. Terá lugar nos estaleiros Triñanes, en Cabo de Cruz, aínda que se completará cunha serie de actividades que descorrerán en outros escenarios de Boiro. Pero, o máis importante, é a elevada participación que volveu a rexistrar o certame. Son preto de cen os vídeos que están rexistrados e o prazo aínda rematará o luns, polo que é probable que se supere a devandita cifra.

Difícil papeleta a que terán que afrontar os membros do xurado, boa parte dos cales teñen xa confirmada a súa asistencia á gala de entrega de galardóns. É o caso dos realizadores Alfonso Zarauza, Sandra Montes, Luis Avilés, Giselle Llanio, Sandra Sánchez e Jorge Coira; do director de fotografía Alberte Branco; da guionista Araceli Gonda; do director de arte Ángel Amaro; da directora de estilismo Fany Bello e do actos Miguel de Lira.

Ademais de formar parte do xurado, estes profesionais participaron na elaboración de material didáctico relacionado co eido audiovisual, que o mesmo día 9 se presentará baixo o título Aprendo con Olloboi. Será ao redor das oito do serán, xusto antes da entrega de galardóns e despois da proxección de Peter Brandon, unha serie web sobre Pedro Brandariz. Tanto o actor como membros do equipo de Porco Bravú desprazaranse a Cabo de Cruz.

Sardiñas, música e ruta

A gala que terá lugar nos estaleiros Triñanes será o punto álxido dunha xornada que comezará xa pola mañá, ás dez, cun acto de presentación do festival Olloboi no centro social boirense. Posteriormente, da man da Unión de Muchachas e de Creaturas, levarase a cabo unha ruta dirixida aos escolares. Un xantar preto de Barraña, para que os comensais poidan aproveitar a sobremesa para darse un baño, marcará o final da mañá.

E xa despois da cerimonia de entrega dos galardóns, os actos lúdicos continuarán cunha sadiñada e co concerto dos divertidos Gin Toni’s na Pousada das Ánimas.