A Feira do Libro de Ribeira vai a máis

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Nove tendas montarán os seus postos para recibir a autores como Moncho Borrajo e Vicente Domínguez

16 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre o xoves e o domingo • Praza do Concello de Ribeira • De 12.00 a 14.00 e entre as 18.30 e as 22.30 horas • Ten pouco tempo de vida, pero a traxectoria ascendente que ven marcando a Feira do Libro de Ribeira garante o seu futuro. Na terceira edición, que terá lugar a partir do vindeiro xoves e ata o domingo, está confirmada a participación de nove librarías e entidades, tres máis que o ano pasado, entre as que se atopan a pobrense Ler, a Editorial Planeta e a Deputación da Coruña. Este escaparate, no que os libros estarán á venda con descontos do 10 %, será o epicentro dun programa de actividades que inclúe presentacións literarias, sesións de contos e unha lectura dramatizada.

O artista noiés Serafín Marcos será o xoves o encargado de darlle a saída á feira cun pregón, pero tamén coa súa montaxe As paisaxes de Carlos Casares, na que fai un percorrido pola vida e pola obra do escritor homenaxeado polo Día das Letras Galegas.

Tamén está previsto que, na xornada de apertura, se pasen pola feira o humorista Moncho Borrajo, que presentará Escolma; o autor local José Vicente Domínguez, co seu libro Por mucho que ahora me quieren; e Fátima Fernández, que ofrecerá unha sesión de contos para os nenos.

O venres collerán o relevo Anxo Moure, que montará unha ciclobiblioteca para chamar a atención dos pequenos lectores, e Ruth Villar Caballero, que lle presentará aos ribeirenses o seu libro de fotografías Mar de redes.

Os nenos tamén terán un protagonismo especial na xornada do sábado. Pola mañá mergullaranse na biblioteca municipal e pola tarde teñen unha cita coa compañía de marionetas Cascanueces, que presentará A barriga verde.

Encontro de premiados

Tamén para o xoves está programada unha das actividades máis destacadas desta edición da Feira do Libro. Trátase do encontro dos gañadores das catro edicións do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria: Goretti Fariña, David Pobra, Amadeo Cobas e Antonio Tizón. Será antes de que María Reimóndez presente Corredora.

Xa na última xornada da feira, a Deputación coruñesa levará a cabo diversas actividades de animación á lectura, ao tempo que Aurora López propoñeralle aos nenos sumarse á experiencia Disfrazando personaxes de contos. O colofón será unha lectura dramatizada de Neira Vilas a cargo de Palabras Vivas.

O cartel de actos foi presentado por Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia; Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta na Coruña; Manuel Ruiz, rexedor local; e Herminia Pouso, concelleira.