Eucaliptos homicidas

Carlos F. Coto DESDE FÓRA

BARBANZA

22 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Oincendio de Pedrógâo Grande non tería sido unha traxedia se non se transformaran os montes autóctonos en plantacións de eucaliptos. Para que se propague un lume débense combinar tres compoñentes: combustible, calor e aire. Se a calor é extrema -como nestes días- e o aire se converte en vento, o único que falta para propagar os incendios é o combustible. Os eucaliptos son os mellores combustibles que podemos atopar no monte: a diferenza das árbores autóctonas, facilitan a erosión do solo por non reter a auga da chuvia, pero tamén son bebedores insaciables, que secan o subsolo no que están plantados. O eucalipto favorece o crecemento de mato combustible que xera a necesaria enerxía de activación, por mor de calquera elemento, incluso fortuíto.

Moita xente aínda non sabe que os terreos agrícolas non se poden transformar en plantacións forestais, e namentres non chegan as multas, ven nos eucaliptos unha fonte de riqueza a curto prazo, incrementando a superficie explosiva. As normas sobre distancias ditadas pola Xunta son ridículas, porque están pensadas para os eucaliptos, non teñen en conta a limpeza do solo, e favorecen a desertización das estradas, cando tradicionalmente sempre houbo árbores sobre as estradas, iso si, árbores autóctonas, que son malos combustibles.

O que aconteceu en Portugal pode suceder nos nosos montes calquera día e debemos estar preparados. Ou deixamos de incrementar as plantacións de eucaliptos ou temos que ter claro que calquera día a traxedia portuguesa podémola ver nas nosas estradas, nas nosas casas.