Enganchadas ao Camiño de Santiago

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Vinte mulleres ribeirenses levan 24 anos realizando diferentes rutas de peregrinación

08 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitos e moi diversos os motivos que poden levar a un grupo de persoas a unirse. Normalmente teñen carácter lúdico ou festivo. E o certo é que hai unha boa dose de divertimento na razón pola que Ángeles Cores fundou unha cuadrilla en Ribeira que está a piques de conmemorar as vodas de prata. Trátase dun grupo formado por vinte mulleres que cada 24 de xuño emprenden unha nova aventura, pero sempre ligada ao Camiño de Santiago. Levan nada menos que 24 anos cubrindo etapas de diferentes rutas de peregrinación. Veñen de rematar a penúltima do itinerario que percorre o norte de España, desde Irún ata o Obradoiro.

Esta historia empezou a coller forma alá polo ano 1993. Ángeles Cores, coñecida como A Nena, era mestra de ximnasia, e convenceu a un grupo de alumnos para embarcarse nunha andaina que tiña a convivencia, o deporte e as gañas de coñecer novos recunchos como principais obxectivos. Pouco a pouco foise consolidando un grupo formado por vinte mulleres, aínda que en ocasións non poden acudir todas á cita. «Empezamos percorrendo os mosteiros de Galicia e despois botámonos ao Camiño e estamos tan enganchadas que deixamos todo por esta afección», explica a impulsora desta experiencia.

A ribeirense asegura que son moitos os atractivos que se funden en cada ruta e que fan que a convocatoria de cada día de San Xoán sexa considerada unha obriga: «A paisaxes, a camaradería que existe entre todas, o feito de compartir experiencias con outros peregrinos, a festa que se monta nos albergues a golpe de canto e de pandeireta... Estamos todo o ano pensando no Camiño e estou segura de que aínda que nos ofreceran unha viaxe gratis a Nova York non a cambiariamos por esta aventura».

Cinco trazados completados

O Camiño Francés polas súas dúas vertentes, desde Huesca e desde Roncesvalles; a ruta portuguesa; a andaina fisterrá e o itinerario desde Ferrol son trazados que xa figuran como completados na axenda das trotamundos ribeirenses. O vindeiro verán esperan engadir a esta relación o Camiño do Norte, desde Irún, que empezaron a realizar hai cinco anos: «O próximo ano chegaremos a Santiago e, como se celebra o 25 aniversario do xurdimento deste colectivo, seguro que montamos unha gran festa», explica A Nena.

Asegura que a etapa que veñen de realizar, desde Luarca ata Vilalba, foi bastante dura: «Tivemos tres xornadas de chuvia e resulta moi incómodo camiñar coas capas e mesmo chegar molladas, pero gustounos moitos a parte final, xa que é unha zona con moitas árbores, con montes e con ríos». Aínda así, se tivese que elixir un tramo deste percorrido, a ribeirense quedaríase co que descorre polo País Vasco: «É un camiño duro, pero precioso».

Aínda que deixa claro que cada itinerario ten o seu encanto e que non se arrepinte de ter feito ningún, Ángeles Cores si que recoñece que, a ela, a primeira parte do Camiño Francés deixoulle unha fonda pegada, ao igual que o percorrido por Fisterra; sendo o portugués o que menos impresión lle causou. «Eu animo a todo o mundo a probar a experiencia. Nós tivemos peticións de xente interesada en sumarse ao grupo, pero sería moi difícil, tanto para camiñar de forma conxunta como para atopar aloxamento ou un lugar onde comer», explica a veciña de Ribeira.

O vindeiro reto da cuadrilla da Nena pasa por completar o Camiño do Norte. Despois chegará o momento de tomar unha decisión difícil: «Temos claro que queremos manter para nós esa semana de xuño, pero todas estamos na franxa de 65 a 75 anos, polo que quizais sexa o momento de cambiar de actividade».