Á conquista de Europa pegado ao bombardino

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O rianxeiro foi seleccionado para unirse á orquestra da UE que dirixe o prestixioso Jan Cober

09 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao contaxio e á constante pretensión dos nenos por buscar referentes nos maiores da súa contorna atribúe Félix Rodríguez Ramos (Rianxo, 1996) o auxe que a música está experimentando en Rianxo e a saída continúa de profesionais da escola municipal. El é un bo exemplo diso. Mergullouse no mundo dos pentagramas cando tiña 8 anos, tratando de emular aos seus primos Sabela e Martiño Galbán. Agora, trata de abrirse camiño nun eido competitivo. A selección para participar nunha orquestra a nivel europeo, baixo a dirección do prestixioso Jan Cober, pode ser a súa plataforma de lanzamento definitiva.

No bo facer que está a demostrar a Escola de Música de Rianxo de seguro que teñen moito que ver os seus principais puntais. Un deles é Rafael Collazo, o director, que foi fundamental na traxectoria de Félix Rodríguez. El estaba á fronte da asociación Solfa de Santiago, onde o mozo rianxeiro entrou en contacto por vez primeira coa música. Cando lle encomendaron a tarefa de darlle vida a unha escola no berce de Castelao, decidiu viaxar acompañado dun dos seus alumnos máis avantaxados.

O despegue

Félix Rodríguez medrou entre a escola e a banda rianxeiras, e non tardou en ver claro que a música era o camiño a seguir e o bombardino, o seu compañeiro de viaxe: «Despois de entrar en contacto cos sons de varios instrumentos, sentín atracción pola tuba, pero en canto escoitei o bombardino xa non quixen saber de outro, tiven claro que era o meu». O aparello de vento xa lle deu máis de unha alegría na súa curta, pero intensa traxectoria. Con el gañou o primeiro premio na sexta edición do certame de solistas promovido polo Conservatorio de Música de Santiago, onde rematou o grao profesional con matrícula de honra na materia de bombardino e un galardón extraordinario final. Con el participa tamén na agrupación da Federación Galega de Bandas.

Pero a aventura máis importante das vividas ata o de agora é, sen dúbida, a que comezou o pasado venres, cando Félix Rodríguez e o seu bombardino colleron rumbo a Luxemburgo. Alí estará instalada a súa base ata o vindeiro día 25, período no que viaxará a cidades como Thorn, Venlo, Utrecht e Kerkrade para participar nos concertos que ofrecerá a European Union Youth Wind Orchestra. Na última desas escalas, a formación actuará coa Banda Sinfónica de Vento de Simón Bolívar, no marco dun certame internacional de bandas. O rianxeiro aproveitará a viaxe para mellorar a súa formación, posto que participará nun curso de dirección impartido polo propio Jan Cober, considerado un dos mellores directores de bandas de Europa.

Consciente da importancia que ten esta experiencia, Félix Rodríguez non a vive coma se fora o cumio da súa carreira, senón coma se do comezo de tratara: «Para min é o premio ao traballo realizado e espero que sexa o principio dunha nova etapa». Asegura que tratará de sacarlle o máximo partido: «Quero coñecer como é o mundo da música fóra de Galicia e de España, ver outras formas de tocar e de traballar, e estar baixo as ordes dun director de talla internacional».

Moito futuro por diante

A que ven de emprender o músico rianxeiro é unha viaxe de ida e volta, pero non lle importaría, no futuro, volver a facer as maletas: «Dar o salto ao exterior é unha porta que para min está aberta e, se xurdira a posibilidade, penso que non dubidaría á hora de aproveitala. Aquí hai movemento no mundo das bandas, tanto para traballar como músico como para a docencia, pero fóra tamén».

Formar parte dunha gran banda de música é nestes intres o soño de Félix Rodríguez, quen tamén aspira a seguir coa faceta de docente que exerce nestes intres na escola rianxeira. Incluso está disposto a ampliar o seu espectro profesional: «Sempre me chamou a atención o eido da dirección e non descarto probar sorte nun futuro».

Para cumprir os seus soños, o rianxeiro sabe que terá que lidar cun obstáculo de altura, o relativo ao difícil momento que atravesa o mundo da cultura en xeral: «Galicia é unha gran potencia no que á música de bandas se refire, pero faltan axudas. Se o panorama non cambia, a miña xeración non o vai ter nada doado».