«Amosámoslles ás mulleres a dar unha resposta rápida diante dun ataque»

Paula Riveiro / M. X. B. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

A actividade encádrase dentro dunha campaña para loitar contra a violencia sexista

21 jul 2017 . Actualizado a las 11:50 h.

Numerosas persoas vense afectadas cada día pola violencia de xénero. Mostrar como reaccionar e actuar neses casos é o cometido de Sandra Calvo e Xaquín Baldomir. Mediante o obradoiro de autodefensa que están a impartir, o que pretenden é desenraizar esta mala práctica da sociedade para comezar a educar dende a igualdade e o respecto. Os veciños da Pobra e de Porto do Son tiveron xa a oportunidade de participar nesta iniciativa, que se vai desenvolver tamén en Boiro e Rianxo.

Ensinar que o medo non é unha opción, senón que é un elemento coactivo que impide apreciar obxectivamente os problemas que nos rodean é a máxima deste obradoiro. Unha actividade que se encadra dentro da campaña de sensibilización Quen dixo medo?, promovida pola Deputación da Coruña. O proxecto, de dous anos de duración, está pensado para os concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. Polo momento xa chegou á comarca do Barbanza, pero percorrerá un total de corenta municipios cun heteroxéneo programa de actividades.

Estes obradoiros de autodefensa foron os que marcaron o inicio. As clases teñen dúas horas e media de duración e compaxinan unha parte teórica e outra práctica. A encargada de explicar todo o relativo á violencia de xénero, así como de identificar as diferentes situacións que se poden dar ou dar as pautas para actuar ante un caso concreto é Sandra Calvo. «Intentamos que sexa participativo, que as mulleres se involucren. Algunhas veces incluso contan experiencias persoais», afirma. Porque nalgúns grupos hai persoas ás que este problema lles toca de cerca. Ao longo de pouco máis dunha hora buscase desmontar mitos no que concirne á violencia machista.

Programa práctico

A segunda parte do obradoiro é a práctica, que a imparte Xaquín Baldomir. O que lles ensina son formas de defensa, técnicas de inmobilización ou hábitos de conduta e a actuación diante de casos de agresión física de calquera tipo. «O que pretendemos é ensinarlle ás mulleres como dar unha resposta rápida ante un ataque», comenta Baldomir. Unha hora e media na que as partícipes fan unhas veces de agresor e outras de vítima para practicar entre elas diferentes tipos de agarre e saber como actuar ante situacións determinadas.

Co obxectivo de favorecer unha atención individualizada, os grupos admiten un máximo de 15 persoas e están pensados para mulleres maiores de 16 anos. A resposta das asistentes, tanto na parte práctica como na teórica, é moi positiva. As mulleres involúcranse e participan, ás veces incluso aportando algunha vivencia persoal ou un caso concreto que coñecen. «O que buscamos é concienciar sobre comportamentos que moitas veces vemos na sociedade pero que non deberían ser así», afirma Baldomir. Facer fronte ao descoñecemento que aínda hai ante un tema que afecta cada día a numerosas persoas.

Variedade de proxectos

A campaña Quen dixo medo? vai recorrer varios concellos durante dous anos e xa hai previstas outras actividades destinadas a máis colectivos de persoas. As próximas, que tamén se van realizar nos concellos de A Pobra e Rianxo, van ser unhas charlas afectivo-sexuais. «Estoutra actividade si que vai dirixida a pais, nais ou mozos de calquera idade», comenta Calvo. Para inscribirse en calquera dos obradoiros so hai que poñerse en contacto cun dos concellos nos que se realiza ou cos promotores da actividade mediante a súa páxina web.