Ribeira «josou» ao ritmo dos Heredeiros

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A banda ofreceu unha viaxe polos seus 25 anos aderezada con viño, millo e cun colofón con Ancoradoiro

12 oct 2019 . Actualizado a las 21:35 h.

Saltaron ao escenario mentres soaban os acordes de Non che teño medo e, aínda que recoñeceron estar algo inquedos por tratarse dun concerto moi especial, os Heredeiros regresaron á súa Ribeira e á súa Dorna convertidos en estrelas para josar e faser josar aos milleiros de persoas que ateigaron o Malecón. Ao longo de case tres horas de espectáculo, rescataron tanto os temas máis coñecidos dos seus 25 anos de traxectoria coma as atrevidas escenas que os alzaron ata o estatus dos máis jrandes, para demostrar que aínda teñen moito rock que ofrecer.

Houbo puxa de roupa, previo lanzamento de diversas prendas por parte do público; lanzamento de lacasitos de cores e bautizo con calimocho para festexar a vitoria do rock sobre o reguetón xusto despois de que un Tonhito de Poi convertido en Elvis Presley se batera en duelo cun Luis Fonsi encarnado por Tucho. Sobre as cabezas do público tamén sobrevoaron grans de millo ao son de churras, churras, que jallo é, e un entregado Javi Maneiro non dubidou en poñerse na pel dun mariñeiro en terra para navegar entre os espectadores e cantar alzado por eles Non quero nada de ti.

Un dos momentos estelares da primeira parte do concerto foi cando, arroupados por unha gramola e un violín, os Heredeiros deleitaron ao público cun dos seus temas estrela, A chaqueta de lana. E despois de varias dedicatorias, entre elas unha para Jandollo, un dorneiro falecido hai un par de anos, e outra para a peña Os Corsarios, gañadores da Copa da Rei nesta singradura número 69, a banda fixo un primeiro intento de despedida entre fogos de artificio, co público coreando Eu quero josar.

Houbo un segundo intento, con Javi Maneiro gritando «que non teñan que pasar 25 anos para volver á Dorna», pero todos sabían que o adeus definitivo aínda era imposible. Faltaba un elemento fundamental, a arriada das pañoletas. Con Ancoradoiro e un feixe de artistas locais subidos enriba do escenario, as gaitas anunciaron o arranque do Himno dorneiro. Entón si, o público decatouse de que chegara o momento de que a última marea da 69 singradura enchera as rúas, as prazas e os bares da cidade.