Anxo Campos: «Pola combinación de mar e monte, Barbanza é un paraíso para camiñar»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Propón un percorrido seguindo o litoral de Corrubedo e subindo ao Tahúme

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O sendeirismo é unha actividade en auxe, que gaña adeptos fusionando a práctica deportiva co goce da natureza. En Barbanza, unha das entidades pioneiras na organización de rutas é o Club de Montaña Vintedouspés, que leva unha ducia de anos percorrendo Galicia e aglutinando a persoas cunha afección común: camiñar. Aínda que a dirección da asociación recae nun grupo, o boirense Anxo Campos é actualmente a cabeza máis visible. El quedou enganchado ao sendeirismo nunha viaxe aos Picos de Europa e xa non foi quen de deixar de andar. Baio, monte Louro, a Costa da Vela e cabo Prior son algunhas das paraxes que figuran na axenda que o colectivo deseñou para o arranque deste 2023.

—Como se confecciona ese calendario?

—Sempre estamos buscando paraxes que teñan un encanto especial. A zona de Barbanza xa a temos moi pateada, pero aínda así sempre aparece algún percorrido interesante. Tamén abrimos o radio ao resto de Galicia.

—Cal vai ser a ruta estrela deste novo ano?

—Faremos catro rutas de fin de semana, o que nos permitirá asumir desprazamentos máis longos. Unha delas será a O Courel. Nestes caso, ademais de gozar dos percorridos, a convivencia entre os participantes pasa a ser un elemento fundamental. Ao remate da xornada sempre se monta unha pequena festa.

—Se tivera que elixir unha ruta por Galicia, con cal se quedaría?

—A min tírame especialmente a montaña, así que iría aos Ancares desde o Piornedo, subindo ao pico Mustallar. É un percorrido especial, no que se van collendo outros cumios coma o Cuíña ou o Penalonga. Tamén estou namorado do Courel, a devesa de Rogueira e o pico Formigueiros gústanme especialmente. E da Ribeira Sacra, sobre todo do traxecto de Santa Cristina.

—E en Barbanza?

—A miña ruta preferida de Barbanza comeza na Misarela e sobe polo río San Xoán, pasando polas pozas naturais, para chegar aos Chans, seguir cara A Curota e baixar logo pola aldea Entre os Ríos.

—É Barbanza un paraíso para os afeccionados ao sendeirismo?

—Si, pola combinación de mar e monte, Barbanza é un paraíso para camiñar. Venme á cabeza agora un percorrido seguindo o litoral de Corrubedo por Espiñeirido e Balieiros, subindo despois ao Tahúme. Na serra tamén hai camiños empedrados moi fermosos, como o que leva ao Castelo de Vitres. Esta comarca ofrece a posibilidade de realizar percorridos incluíndo interesantes elementos de patrimonio cultural.

—Pensa que todas esas posibilidades que ofrece Barbanza están o suficientemente divulgadas?

—Hai cousas feitas, pero se tivera que poñerlle unha nota, sería un cinco. Promóvense percorrido de interese e márcanse, pero o problema xorde á hora de mantelos, porque a vexetación medra e non se fai un control axeitado deses traxectos. Como mínimo, habería que acondicionalos unha vez ao ano.

—Quizais é un recurso que non se explota o suficiente a nivel turístico?

—Está claro que se podería mellorar moito. Barbanza non pode vender só as súas praias, porque cada vez hai máis xente enganchada ao turismo de natureza. Xa sei que non se pode comparar, pero zonas como a Ribeira Sacra teñen ao redor de vinte rutas homologadas e nesta comarca poderían definirse perfectamente quince que terían atractivo para os afeccionados ao sendeirismo. Habería que analizar as posibilidades da zona e, a partir de aí, deseñar os percorridos co compromiso de mantelos en boas condicións. Tamén sería interesante contar cunha rede de sendeiros a nivel comarcal.

—Cal considera que é a clave do auxe que rexistra o sendeirismo?

—O contacto coa natureza é unha sensación fenomenal. Cando collo a mochila e me perdo por fermosos montes cámbiame a vida, cargo pilas para toda unha semana. Tamén é importante o bo ambiente que se crea entre os participantes nas camiñadas. Gozar da natureza en compañía é o mellor do sendeirismo.