Ana Cabaleiro presume de galega e de rapaza de aldea na cita cultural con Barbantia

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A autora presentou este venres o seu último libro, «Xa vemos palmeiras»

24 feb 2024 . Actualizado a las 18:56 h.

Para Ana Cabaleiro, nin Barbanza, nin Boiro nin o Pazo de Goiáns son espazos descoñecidos, como lembrou no acto da Asociación Cultural Barbantia correspondente ao mes de febreiro, no que se presentou o seu último libro, Xa vemos palmeiras. Falar do tempo é recorrente, pero nesta ocasión si que merece citalo, porque augou a noite e influíu na audiencia que se deu cita no emblemático inmoble boirense no que a escritora de Silleda lembrou que estivera nunha ocasión, xunto súa nai, cando estaba inmersa no seu primeiro libro, Sapos e sereas, e acudiu ao pazo para ver o escudo dunha serea que hoxe non se sabe del, pero que ela está segura de que o viu.

Nesta cita en Boiro, Cabaleiro non tivo que saltar o muro como daquela. Entrou polo acceso principal dun inmoble hoxe restaurado no seu edificio principal, ao contrario do que sucedera naquela outra ocasión, e ela, cun currículo máis amplo, porque a Sapos e sereas, seguiron As Ramonas, premio García Barros e finalista do San Clemente, e achegas a obras colectivas, como se encargou de enumerar María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia, á que acompañaron na mesa a propia autora, a concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral, e o directivo da entidade Xesús Laíño.

Arredor da obra e da autora estableceuse un diálogo a catro no que se foron descubrindo detalles de Xa vemos palmeiras, obra baseada nunha viaxe colectiva organizada para pasar o fin de ano en Marrocos na que participou a propia Ana Cabaleiro, que se declarou unha apaixonada se coñecer mundo xa desde pequena. Pero entre aquel percorrido polo Sáhara marroquí e a elaboración do libro pasaron 15 anos, como confesou a escritora, e, paradoxalmente, foi noutra viaxe, esta en Xerusalén, na que sentiu o punto de inflexión para poñerse a crear esta obra.

Dificultades

Cabaleiro puxo de manifesto as dificultades que tivo para escribir este libro que veu a luz o ano pasado, porque empezouno e deixouno, para volver a retomalo, e con espazos de tempo moi longos entre o seu percorrido por Marrocos e a creación, na que mestura experiencias propias con fantásticas. Na súa intervención deixou claro o orgullo que sente por ser unha rapaza de aldea, e precisamente é unha moza do rural a protagonista do relato, na que se ve reflectida a escritora. Tamén proclamou o seu enorme orgullo por ser galega, do que dixo presumir, e de feito, cuestionada por Xesús Laíño, recoñeceu que é necesario facer máis libros de viaxes sobre Galicia, sobre todo o que temos por descubrir e por de manifesto.

Ana Cabaleiro dedicou a maior parte da súa exposición á súa paixón viaxeira. Entre outros detalles, destacou a sensación de descubrir que sociedades moi diferentes teñen costumes moi similares e incluso as relixiosas, e citou como exemplo que cando fixo a viaxe coincidían as celebracións do Nadal da expedición europea da que formaba parte coa festa do cordeiro marroquí.

No transcurso das intervencións, a autora foi cuestionada polo detalle de que no libro citase a escritoras viaxeiras moi por encima fronte a outras nas que afonda máis, e Ana Cabaleiro confesou que efectivamente o fixera por algo, concretamente polo carácter colonialista das primeiras, condición que rexeita. Tamén asegurou que a viaxe a Marrocos quizais foi a menos inspiradora para facer un libro, porque tivo outras máis interesantes, pero que foi esta a que a motivou para escribir Xa vemos palmeiras, libro que, segundo Xesús Laíño, ao que María Xesús Blanco se referiu como «unha librería», pola súa condición de lector empedernido, estamos ante unha obra moi doada de ler, pero que ten as súas complicacións.

O acto coincidiu coa celebración do Día de Rosalía, polo que ao principio e ao final se deu lectura a poemas da padronesa.

A presidenta de Barbantia , María Xesús Blanco, agradeceu ao Concello de Boiro a cesión do pazo para a presentación da obra e lembrou a publicación do número 192 do suplemento A Voz de Barbantia.