Turismo de marcos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen aérea de una aldea gallega.
Imagen aérea de una aldea gallega. GOOGLE MAPS

27 mar 2024 . Actualizado a las 15:17 h.

Non sei se coñecen unha ferramenta sorprendente: a Cronoloxía de Google Maps. Cómpre ter activada a localización do móbil, pero se proban vailles aparecer un detallado rexistro dos seus movementos ao longo de anos. Poden acoutala ata por meses, ata un tope descrito como «desde sempre» (que medo dá iso). O caso é que a acumulación dos teus movementos é capaz de ofrecerche un retrato da túa mobilidade, é dicir, unha especie de infografía de ti mesmo.

O meu está composto de puntiños sementados por diferentes partes do mundo, reflectindo viaxes de lecer ou de traballo. Váleme tamén para saber que teño que viaxar aínda máis. Pero visto o mapa desde certa altura, poñamos por caso Europa, sucede algo simpático. As miñas trazas móbiles debuxan o territorio da Gallaecia. Ollo: digo Gallaecia, a Gallaecia romana de toda a vida, non a Galicia actual.

É dicir, o territorio entre o Atlántico e Asturias, León, Zamora e o norte de Portugal ata o Douro son unha densa nube de puntiños laranxas que ao leste e o sur se mudan en arquipélagos puntuais. Nin que fose un prefecto romano percorrendo os límites da provincia. Observo tamén que esas lindes da vella terra foron exploradas na Pascua, terreo propicio polo que se ve para ir revisar marcos.

Estou seguro que isto lles pasa a moitos: trazamos coa nosa mobilidade un mapa de Gallaecia case de xeito involuntario. Así que por aquí lles deixo un plan: fagan turismo de marcos. Comproben que están todos no seu sitio. Temos un vicio que non o damos curado.