Andan de aquí para alá

Yael Sampedro Davila

BOIRO

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Andan de aquí para alá, coma follas movidas polo vento. Cando chove móllanse ata tal punto que é coma se lles calase a molladura aos ósos. Cando dá o sol, quéimanse tanto que se volven tan vermellos que chegan a semellar  as lapas dunha fogueira. Sucan os mares sen importarlles se están en calma ou se teñen que loitar contra os mil demoños que nel habitan, e ofrécenlles a súa vida aos santos cando os azouta un temporal; e os da casa, pedíndolle á Virxe do Carme que os protexa. 

Estrañan un bico que non sexa ese último tan amargo con sabor a despedida, e pasan penurias, tristezas, soidades. Teñen medo, estrañan o seu fogar e tamén as súas xentes, e agochan os seus sentimentos porque non queren que ninguén os vexa chorar. Contan os días, as horas e os meses para poder durmir nunha cama ampla e quente, non coma as dos seus catres, e poderen estar cos seus. Que triste e dura é a vida do mariñeiro!

Pero tamén o é a das súas mulleres! Esas loitadoras que esperan con ansia unha chamada ou unha mensaxe alentadora que lles diga que está ben, podendo así volver escoitar a súa voz. As que están separadas dos seus homes e se deitan día a día nunha cama fría e baleira, chea de soidade. Que por moita pena que teñan, nunca llela fan ver a eles, para así darlles ánimos e facer menores as súas penas. As que teñen que facer «de tripas corazón» ao velos marchar sen saber se han de volver. As que miran as noticias e sempre ven barcos no mapa do tempo, aquelas que teñen que criar e educar os seus fillos facendo de nai e pai á vez. As que contan os días, as horas e os meses, para así poder volver abrazalo. As que agochan as bágoas para que ninguén lles note a tristeza da ausencia do seu amado. Esa tristeza que acaba ao velos chegar ao porto, algo que non se pode explicar. Sen dúbida, unha sensación inigualable e chea de alegría. 

Arrepíanseche os pelos, póñenseche de punta, e o tempo faise eterno ata que volves a velo. Porque nunca se mira o esforzo, senón a recompensa. O amor que os une é máis grande que a distancia que os separa. E ese bico ao chegar a porto ten o mesmo sabor e a mesma ilusión que o primeiro, e non hai mellor recompensa que ter ao teu carón a persoa que amas.

Yael Sampedro Davila

Ten 18 anos, é

alumna no IES

Espiñeira de

Boiro, onde cursa

segundo de Bacharelato.