Festas caducas

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BOIRO

26 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo non tan afastado no que este que redacta era incapaz de durmir ben a semana antes de comezar as festas de Boiro. Hoxe a cousa mudou, en parte por mor dos anos que un vai cumprindo, mais tamén pola involución dos actos. A comisión volta a ceder á chantaxe do magnate das orquestras, ese señor presuntamente implicado en severas irregularidades fiscais, pagando arredor de 77.000 euros para ter de novo na Praza do Concello á Panorama, El Combo Dominicano e París de Noia co resto do paquete que o devandito personaxe impón. ¿Debemos empregar a boa fe e supor que neste tema non existen outro tipo de prevendas? Supoño.

Hai anos prescindiuse da Mostra das Culturas co pretexto de que era moito custo para pouca afluencia de público. Este ano desaparece o concerto de rock que daba o pistoletazo de saída ás festas, supoño que por un motivo similar. Nada máis queda en Boiro que o tiránico e charramangueiro imperio de Lito. No cartel aparece un concerto de «rock» na Pousada das Ánimas, pero se pretende asistir querido lector -e oxalá o faga- terá que pagar entrada para que os músicos poidan, cando menos, cear algo.

Namentres en Ribeira, Rianxo e A Pobra procuran traer actividades para todos, en Boiro preferimos ver ao sobreexcitado cantante da Panorama facendo bromas caducas sobre o escenario, mais se isto é o que Boiro quere que así sexa. Non serei eu nesta ocasión o que poña en dúbida os gustos da maioría, total, os culturetas e roqueiros non son caladoiro de votos no que faenar. Agora ben, se iso non é populismo do máis van que alguén me explique qué diaños é.