«A xente está fresca, a actitude é boa e hai bo ambiente no equipo»

BOIRO

MARCOS CREO

O técnico da bancada crucense considera que o obxectivo é lograr manterse na liga ACT sen pasar apuros

26 jun 2017 . Actualizado a las 22:26 h.

O Club de Remo de Cabo da Cruz afronta un ano máis a súa participación na liga ACT, que dará comezo o sábado cunha contrarreloxo en Bilbao a partir das 19.00 horas. O equipo ten baixas con respecto á tempada pasada, pero polo de agora as sensacións son boas. O adestrador crucense, Beni Silva, apunta que os deportistas están «remando ben» nas sesións de preparación, nas que se están a pulir os últimos detalles para chegar á xornada inaugural do campionato nas mellores condicións.

-¿Cal é o obxectivo do equipo este ano na liga ACT?

-O que buscaremos será non pasar apuros. Temos algunha baixa con respecto ao ano pasado e as novas incorporacións teñen que rodar e madurar. Estaría ben manterse entre o sétimo e o noveno posto, aínda que despois a competición porá a cadaquén no seu sitio. O barco anda. Dinme que un pouco menos que a tempada pasada, pero espero que poidamos manternos sen problemas.

-A menos dunha semana para comezar a remar, ¿como están os remeiros?

-Fisicamente están ben e teñen gañas de empezar a remar. As sensacións son boas, no noso nivel. Os rapaces dinme que van cómodos no barco. A xente está fresca, a actitude é boa e hai bo ambiente no equipo. O traballo está feito, así que eu estou tranquilo.

-¿Que conxuntos considera que son os favoritos para a vitoria nesta edición?

-Vexo a Orio, Kaiku, Hondarribia e Bermeo moi fortes. Por remeiros, nivel e orzamento. Xa sabemos que o que ten máis cartos soe mandar. Tamén Zierbena ten unha bancada moi boa e San Juan anda ben.

-¿E cales poden ser os seus máximos contrincantes na loita pola permanencia?

-Pois considero que Ares; Astillero, que tivo moitas baixas; Ondarroa; San Pedro, que tamén tivo cambios no equipo; e Tirán, aínda que pode que eles estean un pouquiño mellor ca nós.

«As dúas primeiras regatas non creo que sirvan para sacar conclusións, nin para ben nin para mal»

-¿Como afrontan os adestramentos cando se ve o inicio da competición tan preto?

-Intentamos descargar traballo para ver onde estamos. Despois hai que cambiar ou non, en función das sensacións dos deportistas, e ir semana a semana. Estamos facendo sesións máis suaves para que o momento óptimo de forma se dea máis adiante. As regatas tamén che axudan para chegar a setembro en plenas condicións. Sabemos que gañar a liga é practicamente imposible e se vemos que non pasamos apuros a idea é estar ben para conseguir a clasificación para a Bandeira da Concha, que é o noso segundo obxectivo. Está difícil, porque haberá cinco ou seis equipos moi parellos.

-¿Que espera que suceda nas primeiras xornadas?

-As dúas primeiras regatas non creo que sirvan para sacar conclusións, nin para ben nin para mal. A contrarreloxo é en río e hai que estudar ben o recorrido para ir polo sitio bo. Sairemos primeiros da nosa quenda, o que é unha desvantaxe porque lle daremos referencias aos rivais. E o domingo, en Portugalete, será unha lotería. Hai unhas rúas que favorecen e outras que prexudican. Se tes unha mala e estás moi forte podes aguantar, pero senón é difícil. O factor sorte inflúe moito, aínda que se tes un mal equipo non vas gañar. Iso si, podes acabar segundo ou terceiro.

-A finais de agosto terán que remar na casa, ante a súa afección ¿é unha cita especial?

-Está claro que remar en Cabo de Cruz é especial, aínda que tamén notas máis presión. A fecha está ben, porque está preto da clasificación para a Concha e poderemos descansar máis ao non ter que viaxar. Tamén é certo que a esas alturas coñécese case todo, pero os rapaces sempre saen ao mar máis motivados.

«Ás veces fai falta cubrir postos e non tes na casa»

O Club de Remo Cabo da Cruz é unha entidade que tira da canteira e non se basea en traer xente de fóra para formar aos seus equipos. Iso provoca que xa vaian varios anos sendo recoñecidos pola ACT como a mellor canteira, un premio que distingue unha filosofía de traballo. Aínda así, isto tamén causa que ás veces ao conxunto lle poida faltar unha peza que permita loitar cos mellores.

-Coidando tanto a canteira, ¿o futuro está asegurado?

-É difícil de dicir. Nós tiramos con rapaces de Boiro e pode saír ben ou non. Pódese investir moito esforzo e que de cen salga un bo. Arriba chegan poucos e os que son moi bos veñen os grandes e os fichan.

-¿É complicado pasar de xuvenil ao equipo sénior?

-Entre esas categorías hai un corte importante. Os mozos teñen que estudar fóra e aínda que adestren pola súa conta non é o mesmo que facelo no club, con xente que lle podamos indicar. Son idades complicadas.

-¿Fichar en certos momentos podería dar un salto de calidade?

-É certo que se queremos dar ese salto temos que pensar nun modelo intermedio. Quero dicir, nin ser profesionais nin afeccionados cen por cen. Ás veces fai falta cubrir postos e non tes na casa para facelo. Hai que seguir apostando pola canteira, pero poderían facer falta dous ou tres homes como reforzo.

-Pero iso custaría cartos.

-Por iso non podemos basear a nosa filosofía en fichar. Habería que facer un desembolso económico que non podemos asumir. Non me gusta falar de cartos, pero só coa canteira, entre os que non chegan e os que se van, non das feito.

-Aínda así, cambiar o método de traballo levaría tempo.

-Non sería inmediato, claro. Este ano temos que loitar por non descender, pero igual nun futuro poderíase pensar e darlle unha volta. O remo require traballo e compromiso, xa que se non adestras e te coidas prexudicas aos teus compañeiros. Ter xente madura tamén axuda para mellorar as sesións de preparación.