Supoñamos

Ana Moreiras DOCENTE EN A CACHADA

BOIRO

30 sep 2017 . Actualizado a las 13:16 h.

Supoñamos un sistema educativo onde as materias estiveran vinculadas co mundo no que vivimos e o alumnado non se clasificase por idade, deixando atrás dunha vez o modelo educativo de fabricación de peóns para un esquema industrial obsoleto. Supoñamos un profesorado con verdadeira formación psicopedagóxica e vocación que puidese atender a grupos de non máis de 15 persoas e que non tivese que facer probas periódicas para elaborar absurdos ránkings educativos; escolas onde as aulas non foran como salas de autopsia, cheas de recursos educativos e con equipamentos informáticos actualizados.

Supoñamos unha sociedade cun bo estatus económico e cultural, familias estruturadas e academicamente formadas. A porcentaxe de alumnado repetidor sería a mesma? Abofé que non. Existirían, tal vez, rapaces que non atopasen o seu camiño nesa utópica escola: por desinterese, aburrimento, rebeldía. Ofreceríanselles alternativas prácticas e cun gran apoio emocional, e de repetir faríano coa idade suficiente para non sentir o estigma do fracaso.

Estamos a anos luz dunha sociedade así. De acordo co último informe da OCDE, a taxa española de abandono escolar temperán duplica á da Unión Europea e a porcentaxe de alumnado que repite algún curso (31 %) triplica a media europea. O informe destaca a España dentro dun grupo de só nove países que seguiu reducindo o gasto educativo pasado o ano 2010, do 9,4 % en 2005 ao 8,2 % en 2014. Se parece abstracto, centrémonos nun centro próximo: A Cachada, Boiro. No 2008 había 379 alumnos e unha ratio de 19,9; nove anos (e 19 premios) despois, temos menos orzamento, 445 matriculados, unha ratio de 26,2 e dez docentes menos. As reducións afectan nomeadamente ó profesorado do Equipo de Orientación, que é quen deseña os programas de inclusión de alumnado con necesidades especiais.

Saquen as súas propias conclusións.

Ana Moreiras é docente no IES A Cachada de Boiro