O programa FalaRedes da Xunta traerá a Boiro unha exposición sobre a riqueza do galego

Laura Ríos
L. Ríos RIBEIRA

BOIRO

Foto de arquivo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Foto de arquivo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. MARCOS CREO

A mostra incluirá nove paneis que amosarán a diversidade da fala de Castelao

08 abr 2024 . Actualizado a las 18:27 h.

A Xunta presentou onte a 13 edición do programa FalaRedes. A iniciativa busca poñer en valor en galego creando alternativas de lecer na lingua de Rosalía coa axuda de máis de 200 concellos da comunidade e as agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística do ente autonómico.

No acto de presentación da actividade, o secretario xeral de Política Lingüística do consellería de Educación, Valentín García, incidiu na importancia dunha actividade coma esta, que co paso das edicións se converteu nunha das máis sólidas do seu departamento. No caso barbancés, a diversión en galego inundará de alegría o concello de Boiro, que acollerá neste mes de abril a exposición Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir.

A mostra estará composta por nove paneis nos que se recollen as diversas peculiaridades da fala de Castelao co fin de poñer en valor a súa riqueza.

Ademais, co gallo das Letras Galegas, a iniciativa seguirá percorrendo Galicia con dous espectáculos para homenaxear para Luísa Villalta, escritora escolleita este ano para as Letras Galegas. O primeiro será Indóciles, unha obra que mestura poesía, teatro, música e narración oral creada por Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut. O segundo será a función de monicreques Contahistorias, de Fantoches Baj.

Durante os meses de calor, a programación deseñada pola Xunta ampliará a súa axenda de actuacións co obxectivo de chegar aos estratos máis novos da sociedade con mostras de break dance e actuacións de disc-jóckey para grandes e pequenos. Como non podía ser doutra maneira, Os Bolechas visitarán diferentes concellos.