O investigador que arroxou luz sobre a orixe dos cen topónimos de Muros

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

candamo

Alfonso Blanco vén de publicar un libro sobre a orixe dos principais lugares do municipio

31 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A colección Terra nomeada lanzada pola Real Academia Galega vén de gañar un volume dedicado á toponimia de Muros. Está asinado por Alfonso Blanco Quintela, mestre no instituto Fontexería que xa con anterioridade publicara traducións e mesmo unha obra de divulgación sobre a Grecia clásica dirixida ao público infantil e xuvenil. No confinamento que desencadeou o covid, decidiu mergullarse na orixe dos nomes dos lugares do seu municipio, conseguindo afondar nun cento deles.

A paixón por esta temática vénlle ao muradán da súa época de estudante: «En secundaria tiven un mestre de Latín que nos falaba da orixe dos nomes de lugares. Eu agora son profesor de Grego e Latín, así que tamén a nivel profesional seguín este camiño». Cando a pandemia parou o mundo, Alfonso Blanco tivo a oportunidade perfecta para desenvolver a súa afección e mesmo se animou a facer públicos os resultados da súa investigación a través do Facebook.

Foi así como o seu traballo chegou a oídos da Real Academia Galega: «Henrique Monteagudo, o secretario, púxose en contacto comigo e aceptei a proposta». Recoñece que o proceso non foi doado: «Eu xa tiña a investigación feita, pero a serie Galicia nomeada supón cumprir determinados estándares, para que todos os volumes teñan unha mesma estrutura».

O libro resultante dese traballo recolle máis dun cento de topónimos: «Hai 105 nomes maiores, que son os que se corresponden con cabeceiras de parroquias e lugares destacados, son os que están no nomenclátor de Galicia. A maiores, eu seleccionei oito máis». A antigüidade de boa parte destes topónimos foi un dos aspectos que chamou a atención do investigador: «A vila de Muros existe desde o século XIII, peor moitos nomes de lugares xa aparecen na documentación medieval, o que significa que a zona xa estaba poboada con anterioridade». A historia destes lugares, que en algúns casos ten máis de 800 anos, é un dos aspectos que o profesor decidiu destacar na obra.

En canto á procedencia dos nomes, Alfonso Blanco explica que, en boa parte dos casos, teñen que ver coas características do territorio no que se sitúa o lugar: un monte, unha depresión do terreo, un val, un pedregal... Nas zonas máis urbanizadas, as referencias aos oficios e á agricultura con notorias. «Nalgúns casos, os territorios acabaron por asumir o nome dos seus propietarios», sinala o escritor.

Os tres elixidos

Non tarda en decantarse por algúns dos topónimos analizados. Elixe Sestaio «pola complicación que implica chegar á súa orixe, pois non está claro se procede do latín e está vinculado á palabra cesta ou se ten orixe prerromana». Menciona tamén Sistamares: «É enigmático, porque pode ter unha procedencia latina ou xermánica». Neste sentido, apunta que os máis difíciles de analizar son os únicos, os que non teñen un dobre en toda Galicia, como ocorre neste caso ou no de O Maio: «A súa posible orixe prerrománica afondaría na idea do antigo que é este municipio».

Finalizado o traballo sobre a toponimia de Muros, Alfonso Blanco xa está pensando no seu próximo reto. Desde a Real Academia Galega propuxéronlle aproveitar a experiencia que gañou ao realizar a investigación sobre os nomes de lugares de Muros para afrontar un traballo das mesmas características en outro municipio. A resposta do profesor foi afirmativa e xa ten decidido a onde dirixirá os seus pasos: «Por proximidade e polos lazos que me unen, vou decantarme por Carnota. Ademais, coñezo algo da súa toponimia». En breve empezará a fondar ata dar coa orixe dos nomes dos seus lugares destacados.

Escritor prolífico. Ten feitas máis dunha ducia de traducións do latín, do grego e do inglés. No 2022 publicou a obra de divulgación A vida na Grecia clásica.

Galardón. Gañou no 2021 o Premio Realia de Tradución por As consecuencias da vella historia.