Trala pegada do románico en Galicia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Percorreu tódolos monumentos da época na procura de ornamentación erótica

23 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasar a miúdo a carón dun monumento non ten que implicar necesariamente o recoñecemento de todos e cada un dos detalles que se agochan na súa estrutura. Ás veces, hai figuras e elementos decorativos que pasan desapercibidos ou que, de forma illada, non acadan a importancia que poden ter se se analizan en conxunto. O veciño de Lousame Manuel Ces foi quen de atopar unha singular relación entre un feixe de construcións románicas: a presenza continua de referencias ao sexo e ao erotismo. Tantos exemplos logrou fotografar, que montou unha exposición cos 65 que considerou máis significativos. A mostra está no Liceo de Noia, pero o obxectivo do autor é que teña carácter itinerante.

Foi o interese que desde sempre espertou nel a arquitectura o que levou a Manuel Ces a percorrer Galicia seguindo a pegada do románico. Ao inspeccionar os principais expoñentes do estilo artístico predominante en Europa entre os séculos XI e XIII, atopou unha serie de figuras que chamaron especialmente a súa atención. Tratou de mergullarse máis en ditos elementos, pero non lle resultou nada doado: «Busquei bibliografía ao respecto, pero hai pouca». Si chegou á conclusión de que os especialistas na materia non se poñían de acordo sobre o propósito deses elementos de temática erótica en edificios nos que, a priori, non encaixan, como igrexas e mosteiros. O lousamián ten a súa propia teoría: «Eu penso que son sinxelamente motivos decorativos, xa que non responden a criterios comúns, como debería ser se fora unha imposición da igrexa».

O traballo de investigación que levou a cabo permitiulle ao barbancés extraer unha serie de conclusións que van máis alá do eido artístico: «Para min, o máis importante foi quizais comprobar a liberdade que existía ao redor do sexo naquela época. Esas figuras eróticas son unha constante incluso en monumentos relixiosos, algo que pode resultar contraditorio ou, cando menos, chocante». Tamén se amosa sorprendido diante da actuación da igrexa co paso dos anos: «Todos estes elementos foron respectados, algo que hoxe non ocorre, pois procedemos a demoler aquilo que non nos interesa».

Ruta por toda a xeografía galeg

a

Aínda que non se considera un experto na materia, Ces asegura que percorreu todos os monumentos románicos que existen en Galicia, desde Malpica de Bergantiños ata o Barco de Valdeorras, pasando por Ponteareas. Está convencido de que, hoxe, boa parte desas esculturas estarían prohibidas: «Daquela, tanto se facían esculturas de homes como de mulleres con poses eróticas, cando a día de hoxe o común é que se empregue a figura feminina para esta temática. Ao mellor, naquel momento o machismo estaba aínda por implantar».

Foron tantos os monumentos e as figuras que analizou ao longo do percorrido pola comunidade galega, que a Manuel Ces cústalle destacar os máis significativos. Pensando un pouco, venlle á cabeza a igrexa de Santo Antoíño de Baíñas, en Vimianzo, na que é posible apreciar figuras realizando o acto sexual; o templo parroquial de Abanqueiro, onde nunha escultura, unha rapaza nova mantén unha relación cun home maduro, o que dá lugar a un embarazo; ou a Colexiata do Sar compostelá, que conta cun elemento ornamental no que un home practica sexo oral cun porco. «Non había o pudor de hoxe en día, cando sería imposible expoñer toda esta arte, e menos en monumentos de carácter relixioso», comenta o lousamián.

Son tantas as esculturas que chamaron a atención de Manuel Ces, que busca coa exposición que ten en Noia espertar ese interese no público: «Animeime a amosar estas fotografías co fin de instar á xente a que se pare a observar estes elementos ornamentais que de seguro que a moitos lles pasan desapercibidos».