Un patrimonio a xestionar

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

NOIA

Martina Miser

19 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As rías galegas configuran un dos ecosistemas máis ricos do mundo. Non é descubrimento ningún. Está abondo documentado. A marea da semana pasada dediqueina á memoria da miña ría pontevedresa, saudades das vellas praias de Lourizán, que inclúen Lourido e Campelo, Raxó, os areeiros de Tampo… Non é morriña da infancia, é un patrimonio de altísima significación que deberiamos saber xestionar. E non falo só do turismo, que tamén. O patrimonio atinxe un variadísimo conxunto de recursos e posibilidades. Se cadra aínda estamos a tempo.

Nas rías de Noia e Muros anda o berberecho en crise. Seica é cuestión das augas, mareas de insuficiente salinidade que matan a cría e mirran o crecemento. Mais están tamén as minas de San Fins no concello de Lousame. Os residuos do vello mineral (estaño e wolframio), que hai tempo que está inactivo, mais que alguén quere volver explotar (non máis de 75 postos de traballo), ameazan con estragar unha produción que dá de comer a máis de 1.500 familias. Cando hai algúns anos lle preguntei ao alcalde de Noia pola riqueza do concello e a súa contorna, non dubidou un instante: «A nosa vida está no berberecho». Tamén na ameixa. Que llelo pregunten ás xente do Freixo, que presumen dos mellores berberechos do mundo (na ría de Vigo dicimos croques).

«Se os gobernos quixesen volverían as sardiñas», dicía o vello do debuxo de Castelao. E o longueirón, a nécora, as ostras, os lubrigantes, os santiaguiños, os camaróns, os langostinos, o polvo… Disque as lampreas tamén teñen problemas este ano. Mais esta riqueza toda, multiplicada por mil, aínda resiste, malia o desleixo de moitos e a política curtopracista dalgúns gobernos. Curtopracismo (palabrón que non vén no dicionario) quere dicir non pensar a longo prazo, investimentos estratéxicos que sementan futuro, senón na rendibilidade inmediata, que ás veces é unha mentira. Pan para hoxe, fame para mañá…

Ben sei que estas formulacións chocan co fetichismo que certa industria provoca en moita xente. «A paisaxe non se come», dicían os vellos defensores da factoría de Celulosas, por exemplo. Son os mesmos que poñen de lado a cultura porque a cultura é un adorno, un santo de procesión, sen considerar o valor engadido que en termos económicos representa nos países máis desenvolvidos. A marea da pasada semana non era un canto de saudades, aínda que saudades había. Era, ou quería ser, a reivindicación doutros modelos posibles, que teñen que ver coa planificación e a xestión da riqueza que a natureza nos deu, unha riqueza que temos diante dos ollos e non a vemos. Que vai pasar cos residuos que se anuncian das vellas minas de San Fins? Por non falar da paisaxe, a arquitectura, a fauna e a flora, a organización do territorio, a habitabilidade das cidades, capítulos todos do mesmo patrimonio. Incluído o idioma.