Un autodidacta sen límites creativos

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Desde paisaxes ata cadros abstractos e instalacións, conforman a súa obra

10 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cadros que reproducen con realismo característicos recunchos do Rianxo do pasado, coloridos lenzos con marcado carácter surrealista, obras que foxen do concepto estándar para ofreceren un aspecto tridimensional e mesmo unha instalación en forma de torso ensanguentado enriba dunha cociña conforman, en parte, a amalgama de obras que desde comezos de febreiro está a disposición do público no auditorio da vila rianxeira. Aínda que poderían dividirse en grupos temáticos, de estilos ou en función da técnica empregada, todas teñen en común a sinatura: Farrapos. É o sobrenome co que se dá a coñecer Fran Otero: «Tiñamos un mestre que galeguizaba os nomes e a min bautizoume como Farruco. Logo foi derivando, seguro que pola miña forma de vestir e de ser».

Di que con esta exposición, a primeira que monta, o Concello de Rianxo lle deu a oportunidade de sentirse un artista, unha faceta que empezou a cultivar, de xeito totalmente autodidacta, cando tiña 25 anos: «Foi nun momento no que estaba tratando de recompoñer a miña vida e recorrín á arte como terapia ocupacional». Empezou con lapis e carboncillo, pero non tardou en ir saltando de técnica en técnica e de estilo en estilo. Témperas, acuarelas, óleos... Paisaxes, cadros abstractos, instalacións... «Fun experimentando sen medo, supoño que coa liberdade que me daba o feito de non ter formación nesta materia, non ter unhas pautas marcadas», explica.

Tamén o fondo das súas obras, a mensaxe a transmitir, foi evolucionando. Aquelas primeiras paisaxes de Farrapos mudaron en traballos con mensaxe, tanto a nivel político como de denuncia social ou de carácter ambiental: «Hai unha triloxía en óleo sobre lenzo que causa bastante expectación. É unha crítica á destrución que sofre o planeta e ten referencias á evolución da xente influenciada pola droga, o sexo, o diñeiro ou a política».

Material reciclado

Fran Otero, que nos anos 90 fundara, xunto a uns amigos de Rianxo e de Taragoña, un grupo ecoloxista que empregaba o fanzine Gazafellos para divulgar as súas propostas, ten o medio ambiente moi presente á hora de darlle renda solta á súa vea creativa: «O 90% do material que emprego é reciclado, desde mobles vellos que collo no punto limpo ata botes de patacas fritidas, pasando por maniquís en desuso. Tento darlle unha nova vida a obxectos que teoricamente non valen para nada».

Porque el, orgulloso de ver unha selección da obra que ten no auditorio rianxeiro, sostén que o que importa non é tanto o resultado coma o proceso en si: «Cunha bolsa de tea fixen o logotipo dunha asociación que estou tratando de poñer en marcha». Cumprido o soño de ser tratado coma un artista, Farrapos xa está preparando a que será a súa segunda exposición: «A boa acollida que tiveron os meus traballos en Rianxo anímanme a seguir, aínda que a arte sexa para min unha afección e non poida dedicarlle o tempo e o diñeiro que me gustaría». Vendo a súa traxectoria pasada, non é difícil deducir que no futuro tratará de seguir rachando moldes: «Xa teño algunha obra en 3D no auditorio rianxeiro e quero seguir nesa liña, fuxindo do formato de cadrado e penetrando no cubismo».

Das obras ás que lle deu forma, Fran Otero destacaría o cadro que ilustra o seu traballo e o dos seus compañeiros en Castrosúa, a instalación sobre a guerra e a violencia de xénero, pero sobre todo, a montaxe que bautizou como Resurrección, na que unha persoa sae dun panteón, entre cores vivas e fortes. Di que representa o seu espertar cando se mergullou no mundo da arte, afección que cualifica de táboa de salvación.