Áine

Non acostumo escribir sobre o tema que quero tratar hoxe, mais creo que coa miña idade pórme seria de vez en cando non me ben nada mal, nin a min nin a todos aqueles que me len, sobre todo aos que desexan que chegue este día da semana no que publico algo.

Non demorarei isto máis do que debo... O asunto pode ser doado para algunhas persoas, mais ao mesmo tempo é ben complexo para outras (para min tamén). Hoxe escribirei, pois, sobre a lingua. Sobre a miña, non outra... Sobre o galego.

Como ben saben aqueles que me seguen de cerca, teño unha filla de 4 anos. A miña nena chámase Áine, e souben dende o día que naceu que nunca ía querer un ser tanto como a quero a ela. Conforme foi medrando, todo aquilo que realizaba, consciente ou inconscientemente, facía que crecese dentro de min un inxente sentimento de orgullo, e non só por ela, senón por aquela persoa na que me estaba convertendo eu: seu primeiro sorriso, a súa incansable procura da miña persoa cando me afastaba dela tan só un pouco, os seus primeiros pasos, etc., pero se hai algo que todo proxenitor emociona son as primeiras palabras dos seus fillos, e eu non ía ser menos. A primeira palabra de Áine foi «mamá», e xa un se pode imaxinar como me sentín no momento en que a escoitei pronuncialo: inmensamente feliz.

Pouco a pouco, o seu vocabulario foi medrando, e eu intentei sempre que este estivese libre de castelanismos e, a pesar de que os seus avós os cometeran, e mesmo a súa propia nai ás veces, en raras ocasións o facía ela. A miña pulguiña falaba, dentro do que cabe e con respecto á súa curta idade, perfectamente a lingua da súa terra, a que mamou, a que mamei eu e a que mamou a miña nai, con tan só 3 aniños.

Un pode ser máis ou menos consciente da situación actual do galego e pode querer ou non querer actuar con respecto á súa normalización. Eu, consciente e cansa, decidín intentar mudar a realidade empregando así a mellor arma de todas: unha xeración nova. Crendo que eu gañara esta «loita», caeume o ceo enriba cando Áine comezou a escola:

-Que tal no colexio, miña ruliña? -dixen.

-Moi bien! Hoy pintín muchas cousas, respondeu ela. -mira!

-Que riquiña! -dixo o avó -. Mestura idiomas.

Tania Pose Ordóñez

Ten 18 anos, é de Taragoña. Cursa segundo de Bacharelato no IES Félix Muriel de Rianxo. Gústalle ver series, ler e viaxar.

Votación
0 votos
Etiquetas
Rianxo
Comentarios