Punto e final a medio século de historia

RIBEIRA

MARCOS CREO

Un dos negocios máis emblemáticos de Ribeira pechará a finais deste mes

17 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os andeis de madeira, o piso de terrazo e un mostrador desgastado polo uso son claros signos de que o interior da libraría Sanyg, situado no corazón de Santa Uxía, a poucos metros da casa consistorial, encerra unha longa historia. Mari Carmen González, a que a día de hoxe é a única propietaria do local, despois da xubilación hai un ano da que fora a súa socia, confírmao. Ela leva nada menos que 43 anos fornecendo de material escolar, xornais e fotocopias aos ribeirenses, pero a tenda xa tiña seis anos de traxectoria cando ela foi contratada polos fundadores, Ángel Fernández e Joaquín Santos. O vindeiro día 31 pechará para sempre e moitos veciños quedarán entón sen o seu punto de encontro.

Porque ademais de ir a Sanyg a mercar, pola súa estratéxica localización, a libraría foi ao longo do seu medio século de historia o lugar elixido polos ribeirenses para citarse. Son moitas as persoas que estes días, vendo o cartel pendurado na fachada do negocio anunciando o inminente peche, paran na porta para despedirse de Mari Carmen González: «¿Cal vai ser agora o noso punto de encontro?, pregúntanme. Moitos deixaban aquí as bolsas mentres ían ás compras ou aos recados».

Ela marcha coa mágoa que provoca contemplar o final do que foi primeiro o seu traballo e, desde finais da década dos 90, o seu negocio. Explica que as librarías xa non producen o rendemento de antaño, polo que non atopou a ninguén que quixera facerse co traspaso: «Os anos da galiña de ouro foron aqueles nos que eu era unha traballadora máis aquí. Daquela si que se vendía, sobre todo cando comezaba o curso escolar». Nos bos tempos, mesmo instalaban un segundo mostrador e eran ata sete as persoas que se poñían a despachar aos clientes: «Chegamos a ser tres empregadas e, cando comezaba o curso, viñan o xefe, a muller e dous fillos, e había traballo para todos».

Defensora do papel

Pero, ultimamente, Mari Carmen González bastábase soa para atender ao público e, sobre todo, para repartir os ingresos: «Aquí gañas para o aluguer e para os impostos, así que estiven esperando a que me correspondera a prexubilación para marchar». Ela que viviu a época na que o papel era un ben prezado, non quere nin escoltar falar de Internet: «Eu cando chego aquí cada día, o primeiro que fago é botarlle unha visual á Voz de Galicia e, cando chega o Hola, tamén o miro. A min Internet chegoume tarde e considero que é unha mágoa que se acabe o papel. Non o digo eu soa, teño clientes que me comentan que queren pasar as follas, tocar o papel».

Aínda que está convencida de que en Ribeira non hai unha gran afección pola lectura, si lembra algún título que causou furor: «O último foi 50 sombras de Grey. Recoñezo que os libros que teñen un toque erótico son os que máis se venden, sobre entre a mocidade». Ten claro que se o seu negocio subsisitiu ao longo de medio século foi polos nenos: «Aqueles que cando eu cheguei aquí viñan mercar libros e material para o colexio, regresan agora acompañando aos seus fillos. O certo é que vin medrar a varias xeracións de ribeirenses».

Foi un neno o que protagonizou a anécdota que Mari Carmen González xamais esquecerá: «Nunca souben onde se meteu, pero un día pechamos e deixamos a un cativo encerrado. Menos mal que había un teléfono e conseguiu chamar ao seu pai, que avisou ao xefe para viñera abrir».

Catro décadas detrás dun mostrador dan para moito. Para ver aos Reis de España desde primeira fila, coincidindo coa visita que fixeron con motivo do centenario de Ribeira; para recibir a Núñez Feijoo, que entrou na libraría despois dun acto electoral, cando aínda non era presidente da Xunta; e mesmo para espallar as virtudes da cidade e de Galicia en xeral, pois a Sanyg é un dos poucos negocios de Santa Uxía que ten á venda postais e recordos orientados aos turistas.

Pero toda historia, tanto as que se divulgan en Internet como as que engalanan brancos papeis, ten o seu fin. O da Sanyg escribirase o día 31. Antes de que se poña o punto definitivo, Mari Carmen González quere dedicarlle unhas verbas a aqueles que contribuíron a que a traxectoria da libraría fora longa: «Quero darlle as grazas a aqueles clientes que ao longo destes anos depositaron en min a súa confianza».