O urco

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIBEIRA

17 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos nun tempo no que reivindicamos memorias de persoeiros aos que a historia non tratou ben ou directamente anulou. Non é mala cousa e a nosa costa está chea de escritores, mestras, científicas e heroes que deben ser para o futuro exemplos de conduta e modelos de valores que ensinar aos que virán. 

Pero canda todas estas xentes memorables coido que tamén debemos facer visibles os legados da imaxinación dos nosos devanceiros. Seres míticos da nosa tradición que en si mesmos representan algo máis que un contedor vistoso e antropolóxico: agachan, como sabía Lewis Carroll, os nosos medos máis profundos e angueiras.

Un destas personaxes a reivindicar é o urco de Palmeira. Curmán de sangue dos orcos de Tolkien, o urco era un monstro metade pucho metade porco que vivía na auga do mar e alimentábase de escuma da ribeira.  Cando saía a terra, pola noite, levaba con el unha arrastrada de cans. 

A clave do urco é que malia ter eses trazos poéticos do mar e da escuma, era un monstro temible porque anticipaba a morte dos mariñeiros cando paraba diante das casas e comezaba a urrar. Os mariñeiros asomaban pola fiestra e guindábanlles as poutadas de pedra para escorrentalos, e así evitar o agoiro.

Así mo contaron varias vella de Palmeira, que viviron nos seus lares, historias de naufraxios cubanos e irlandeses. O urco cheiraba a morte a través de máxicos camiños submarinos. Moito me gustaría a min que en Palmeira, no verán, organizaramos unha festa do urco, fixeramos un fermoso disfrace e reviviramos a vella mitoloxía para os nosos noviños e noviñas.