Nena en movemento

MARÍA XESÚS BLANCO

RIBEIRA

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nena camiñando con afouteza cara a quen a retrata. Avanza segura, e sen mesura, como se non quixese ser inmortalizada nunha pose estática. Ou talvez tenta seguir as indicacións de quen está detrás do aparello fotográfico.

Ribeira, anos 60. Instantánea feita un día de lecer. Arestora o sol do mediodía aínda alumea ergueito e xubiloso enriba da explanada. Nun plano intermedio, as fachadas dos edificios e os barcos ancorados no embarcadoiro artellan a composición da paisaxe enteira. Detrás, o mar. Máis aló, o monte. E na sombra do peirao intúese o bulicio lene dos que han de preparar o barco con antelación para outro día de faena.

Nena en movemento. Avanzando. É probable que camiñe cara a un familiar. Mais semella non saber que ela será a peza esencial na disposición da escena. Mirádea ben. Co seu vestido de cor clara e o xesto áxil.

Hai moito sentimento na súas pegadas rápidas. E o seu xeito de andar provoca unha emoción intensa outorgándolle un papel secundario aos demais elementos que compoñen a imaxe. Mais, quen pulsa o botón da cámara sábeo ben. Porén o que observa detidamente a fotografía presinte a proxección dunha historia que se revela dende o inicio. Non obstante intuímos na ollada da nena o fío dun relato que avanza silandeiro ata nós.