Álex Nespereira: Sangue nova nunha profesión antiga

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

Despois de rematar a súa formación, sempre estivo traballando na xoiería

15 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que hai tres anos rematara a súa formación coma deseñador de xoias na escola Mestre Mateo, Álex Nespereira dedícase á ourivaría. A primeiros de mes presentaba o seu primeiro traballo grande na tenda Rei Zentolo da cidade. Trátase dunha colección de xoias de prata cun elemento en común: a flor dorneira e as súas cores. Esta elección non está feita ao azar, xa que Nespereira é un apaixonado desta festa, como ben se encargou de remarcar: «Eu sinto moito a Dorna, haberá xente que non, pero eu si». Todo o proxecto naceu da súa iniciativa, das gañas de xuntar as súas paixóns e crear algo único e novo como son estas pezas.

Eu sinto moito a Dorna, haberá xente que non, pero eu si»

Con 27 anos, este mozo ribeirense afrontaba o seu primeiro proxecto importante con ilusión e tamén con moito traballo. «Por xaneiro ou febreiro, máis ou menos, comecei a mirar deseños, o diámetro dos pendentes, das pulseiras, e unha vez que tiña a cousa rodada amoseillo á Real e Ilustre para ver se me daban o visto bo», explicaba Álex Nespereira. Unha vez fixado o convenio, daban comezo as últimas fases do traballo: levar os deseños á realidade. Para iso, púxose en contacto con terceiras persoas para poder realizar un número de pezas en serie a través dun proceso que se chama microfusión.

Nespereira facía referencia ao complexo proceso de elaboración: «Cando están feitas saen en bruto, non son para nada unha xoia. Hainas que cortar ben, limalas, lixalas e aplicarlle os esmaltes, xa que despois van cociñadas ao forno». Ocupoulle tanto tempo, que este ano non puido colaborar noutra actividade que adoitaba realizar coa Cofradía da Dorna: o deseño de premios. E que a relación de Álex Nespereira e a Real e Ilustre xa ten a súa historia.

A pesar de que este é o traballo máis relevante que fixo, non foi o único: «Fago bastantes cousas personalizadas, para xente que me coñece e que coñece a meus pais». Estes pequenos traballos esporádicos servíronlle para ir descubrindo os seus puntos fortes, pero tamén os febles, e sobre todo axudárono a gañar experiencia. «Na xoiería nunca deixas de aprender. Hai tres anos que rematei a escola, pero coma quen di aínda me estou formando», comentaba Nespereira.

A recompensa do esforzo

O día da presentación das xoias foi o cumio do traballo. «Sentinme moi realizado, foi a recompensa por todo o esforzo. E gustoume moito que a xente mostrara tanto interese por elas», explicaba o xoieiro ao rememorar aquela xornada.

Membro dunha familia con tradición no mundo da xoiería, o Nespereira adolescente non tiña moi claro que o seu futuro estaría vinculado tamén neste ámbito: «Eu a ESO e o Bacharelato fíxennos sempre por ciencias. A miña idea era estudar Bioloxía ou Ciencias Mariñas, algo relacionado co noso pobo. Pero logo sorprendeume unha amiga que se dedicaba a facer xoiería». Esta casualidade e o impulso da súa familia convencérono para guiar o seu camiño por aí.

De cara ao futuro próximo, ten xa fixadas a súa meta: facer das xoias dorneiras un produto que se comercialice durante todo o ano. Para conseguir este obxectivo, Álex Nespereira optaría pola innovación das pezas que xa están á venda: «O que faría para estender isto todo o ano sería elaborar deseños novos. A miña idea é realizar un numero determinado de pendentes, de pulseiras... seguindo un pouco o estilo das xoias que estean de moda». A súa principal intención é manter viva a festa os 12 meses, dando a opción aos dorneiros de mercar en calquera época do ano as súas xoias.

Para atopar as creacións de Álex Nespereira non hai que buscar moito: nos puntos de venda do merchandising da Dorna e na xoiería Nespereira estarán dispoñibles.