Heredeiros da Crus: Un cuarto de século sendo os máis «jrandes»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

BASILIO BELLO

A banda regresa á Dorna, festa na que ofreceu o primeiro concerto e na que gravou un disco en directo

16 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o ano 1992 cando unha Dorna moi lonxe de ser a festa multitudinaria que é hoxe e uns Heredeiros da Crus que estaban iniciando a súa andaina se fundían por vez primeira. A banda creada por Tonhito de Poi ofrecía o seu primeiro concerto naquela singradura número 44, sobre un pequeno palco instalado no parque García Bayón. O luns, a celebración máis singular de todas cantas se coñecen na redonda e o grupo que converte cada actuación nun espectáculo único confluirán de novo. A estampa será radicalmente distinta. Prevese multitudinaria.

Ao longo dos 25 anos que transcorreron desde aquel xullo de 1992, Dorna e Heredeiros foron forxando unha traxectoria moi semellante, dominada por altibaixos e por un rexurdir que levou a ámbolos dous a estar agora no punto álxido. Quizais por iso, este regreso era tan desexado. «Volver e ver como evolucionou a festa desde aquel primeiro concerto será espectacular», comenta Tonhito de Poi. Javi Maneiro amósase aínda máis contundente: «Era un concerto desexado porque a Dorna é a mellor festa do mundo e ser cabeza de cartel é o soño de calquera banda».

Ata o máis alto

O outro piar de Heredeiros, Fran Velo, estaba hai un cuarto de século entre o público, pero non por iso é menos consciente da importancia que a Dorna ten para o grupo: «Alí empezou todo, e por iso a volta é coma o peche dun círculo, unha confluencia especial pois, 25 anos despois, estaremos no punto de partida».

Ademais de marcar o comezo da súa carreira, a festa que cada 24 de xullo provoca unha chea en Ribeira deixou outra fonda pegada na traxectoria dos máis jrandes. Despois dun segundo concerto no ano 1993, o grupo formado nun galpón de Castiñeiras embarcábase de novo na singradura dorneira no 2000, cando xa se convertera nunha das bandas insignia do Xabarín Club e atravesara o charco para actuar en Nova York. Sentindo o alento do seu público máis fiel, Heredeiros gravaba o seu primeiro disco en directo -o sexto da carreira naquel momento-, All right Chicago, e erguíase como a primeira formación galega que asumía o reto de converter un concerto nun cedé.

A banda seguiu debuxando unha traxectoria ascendente, ou iso semellaba, a golpe de concertos memorables aderezados por singulares atuendos, lanzamento de obxectos e algún que outro estriptís; e de cancións convertidas en himnos que chegaron aos nosos días como Que jallo é, O teu fillo fuma porros ou A chaqueta de lana. Pero, para sorpresa dos seus miles de seguidores, o grupo disolveuse no 2005 ou, como prefire dicir Tonhito de Poi, sufriu a independencia dos seus membros: «Foi como cando te vas da casa dos pais. Nós criámonos cos Heredeiros e precisábamos emprender os nosos camiños en solitario».

Cada fillo fundou o seu grupo e tratou de facerse un oco no difícil mundo da música. Ata que hai un lustro, coincidindo co vixésimo aniversario daquel primeiro concerto da Dorna, os Heredeiros decidiron regresar. Eles din que foi o seu público o que os empurrou a volver: «Había unha demanda do grupo a través das redes sociais que non nos acabábamos de crer, pero decidimos saber se era real», comenta aínda sorprendido Fran Velo.

Sen punto e final

Colgando o cartel de completo na discoteca LP45 de Ordes, os barbanceses comprobaron que seguían sendo os máis jrandes e o que parecía un regreso temporal converteuse nun reencontro sen data de caducidade. Todos queren seguir adiante cos seus proxectos individuais, pero compaxinándoos cos Heredeiros. De feito, están preparando un libro e un documental sobre a súa historia, e hai quen pensa xa no disco número 10: «Un grupo ten que aspirar sempre a sacar novos temas», sinalaba o de Poi.

Atrás quedan un feixe de momentos difíciles de esquecer: «O máis importante para min foi cando cantamos Corasón de carballo con Luz Casal no Festival da Luz», sinala Javi Maneiro. No horizonte máis próximo están os concertos do verán, enmarcados na xira das vodas de prata. De todos os que conforman a axenda destaca, sen dúbida, o do vindeiro luns: «A fusión Dorna e Heredeiros xa sona a animalada, así que pode pasar de todo», adianta Fran Velo. Nin el nin os seus compañeiros queren desvelar o que ocorrerá enriba do escenario do Malecón, pero o boirense si que deixa claro que a actuación pasará á historia: «Estamos preparando varias sorpresas que farán que este concerto sexa único e especial».

Discografía. A cuadrilla de Pepa a Loba inauguraba, alá polo 1994, a discografía de Heredeiros da Crus, que pechou, na primeira etapa, Chicarrón (2004). Tralo regreso aos escenarios, a banda sacou á luz, no 2013, Jard Rock con Fe, o seu noveno traballo.