«Observo crecemento económico na bisbarra máis alá do sector do mar»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O responsable da entidade afirma que o desenvolvemento no eido turístico continúa a ser unha materia pendente

16 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de catro anos á fronte da Asociación de Empresarios de Ribeira, Antonio Miranda consideraba que era o momento de que outro socio collera o relevo. Sen embargo, o feito de que ninguén presentase candidaturas ás eleccións celebradas hai unha semana fixo que decidira volver a postularse para renovar a confianza dos socios. Afirma que o fixo para evitar que a entidade quedase en mans dun equipo en funcións e para garantir a continuidade dos proxectos que están en marcha e polos que leva apostando dende hai tempo.

-¿Está decepcionado polo feito de que ninguén quixera continuar co labor emprendido?

-Sinto que existe unha falta de sensibilidade a facer as cousas en conxunto, a apoiarse uns en outros para sacar os proxectos adiante. Baixo o meu punto de vista, traballar conxuntamente resulta sempre moito máis positivo e conséguense mellores resultados. Agora continuarei dous anos máis. Non me parece un período excesivamente longo, está na liña de outros antecesores, pero pasado esta nova etapa si que debe haber un cambio.

-¿Percibe que hai dinamismo empresarial no municipio, na bisbarra, ou que todo se circunscribe ao sector do mar?

-Creo que na bisbarra hai moi bos empresarios, que moitas veces son descoñecidos, e moi boas iniciativas. Isto demóstrase cos datos de emprego e de actividade económica. Observo crecemento económico máis alá do sector do mar, aínda que tamén é certo que unha gran parte da actividade está vinculada a este ámbito. O mar é a nosa gran riqueza. Sen embargo, así como industrialmente vexo actividade, no aspecto turístico quédanos moito por facer. Non temos capacidade de hospedaxe. Eu viaxo por moitas zonas e vexo as diferenzas que existen. É unha materia pendente.

-¿Comeza a etapa con novas inquedanzas?

-Rematamos unha etapa e empezamos a consolidar outra. A miña intención é incrementar o equipo directivo. Xente que aporte cousas, puntos de vista distintos. Quero incorporar a profesionais da hostalaría, do comercio e do sector industrial.

-¿E novos proxectos?

-Estamos preparando a terceira edición da Semana da Moda, na que está moi ilusionado o comercio e para a que buscamos axudas das Administracións co fin de levala a cabo. É una maneira moi boa de dar a coñecer o produto das tendas locais. Tamén trallamos para recuperar as xornadas de exaltación do peixe.

-As xornadas do peixe fixéronse en varias ocasións e nunca lograron consolidarse.

-É certo e nós imos intentalo de novo. O ideal sería que se consolidasen. Pensamos que en Ribeira hai que publicitar máis o noso produto fresco. Temos moitos peixes que son grandes descoñecidos. Ao mesmo tempo, consideramos que esa sería unha forma de promocionar o mercado municipal, de que a xente acoda á praza de abastos. Mércase moito peixe de fóra cando o que chega todos os días ao porto ribeirense é excepcional.

-¿Non debería implicarse tamén a hostalaría?

-É verdade que ata agora non se involucrou moito, algo non soubemos facer ben. Sería interesante que houbera nos establecementos unha oferta constante no tempo, pero hai que poñer un punto de partida.

-¿Que peso ten o sector pesqueiro na asociación?

-Temos grandes empresarios do sector, pero o peso é bastante limitado. A asociación implícase neste eido porque todo está relacionado. Se ao sector do mar lle vai ben, ao comercio tamén. Eu non creo na exclusión. A boa marcha dunha rama de actividade incide positivamente nas demais e hai que traballar nesa dirección. Eu xa levo tempo intentando conseguir unha maior implicación do sector pesqueiro.

«O impulso industrial frearase se o polígono non se amplía»

Dende que Antonio Miranda colleu por primeira vez o mando da entidade empresarial dixo que a súa prioridade era conseguir a ampliación do chan industrial en Ribeira e o certo é que neste tempo non escatimou esforzos e non deixou de insistir.

-¿O polígono é fundamental?

-Non hai dúbida. Se este proxecto non se consolida, as repercusións van ser negativas. O impulso industrial frearase se o polígono non se amplía e iso prexudicaría a todo o pobo.

-Sen embargo, a súa consecución parece que se vai alongando no tempo.

-Creo que non se puxo o interés suficiente á hora de sacar o plan adiante, pero na actualidade parece que a actuación vai collendo camiño e agardamos que continúen dándose pasos para que sexa unha realidade.

-Ás veces dá a impresión de que o traballo da entidade empresarial diríxese case en exclusiva ao sector comercial.

-O ámbito da asociación de empresarios ten que amplo que o do comercio. A entidade non pode limitarse a actividades encamiñadas ao comercio, aínda que si é certo que se trata dun sector moi importante e que, tamén coa axuda do Concello e de outras Administracións, lévanse a cabo moitas iniciativas. Sen embargo, na entidade temos diversidade de sectores produtivos e hai que pensar en todos eles.

-¿A patronal é unha entidade representativa, con peso?

-Somos representativos do sector económico e temos peso a nivel institucional. Sempre que petamos a algunha porta somos atendidos, o que sería discutible e si o somos como nós quixeramos. Hai que subliñar que esta directiva tivo antecesores moi bos. A asociación tivo persoas que a souberon colocar onde se merecía.

-Decidiron a saída da FEB, ¿como ve o futuro da patronal comarcal?

-Salimos porque non víamos viable a continuidade de Ribeira na FEB. Non nos aportaba nada, intentamos que houbera cambios e non foi posible. Dado que estamos fóra, considero que non é axeitado que fale do seu futuro.