A gran marea asolagou Ribeira

La Voz

RIBEIRA

carmela queijeiro

Un gran peixe foi o protagonista do desfile do Top Secret

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:20 h.

Tabeiróns, polbos, parrochas, xoubas, ameixas, sentolos... estas e outras especies formaron a gran marea que desde o mércores mantivo asolagada a cidade ribeirense e que onte pola noite chegou ao seu nivel máis elevado. Centos de persoas, ataviadas coas camisetas e as pañoletas de rigor, participaron no Top Secret, un desfile que, tal e como ocorreu en edicións anteriores, demostrou que son moitos os dorneiros que se sumaron á singradura número 69 e moitos os que están xa mergullados na conta atrás para o arranque dunha nova viaxe festiva.

Armados con pandeiretas, gaitas, cunchas e outros elementos capaces de facer brotar sons, os dorneiros saíron desde o parque de Pedra Pateira para abarrotar despois o Malecón da cidade, chegando a formar unha cola de máis de medio quilómetro de lonxitude. Ponme un Kinto, Achicoria, Sghae e Os Trouserghas foron as charangas que se encargaron de marcar o paso da rechamante comitiva.

Nin que dicir ten que o Forsa á dorna, vento en popa, con jalerna ou en calmada, que non se sabe no mundo doutra festa máis rachada, o Himno dorneiro que ao longo das seis últimas xornadas foi a canción do verán en Ribeira tamén soou no Top Secret, entoado por unha marea de xente disposta a seguir abarrotando rúas e prazas moitos anos máis.