¡Vento en popa a toda Dorna!

antón parada

RIBEIRA

Carmela Queijeiro

A reprodución da «Perla Negra», da peña Os Pintos, gañou a Rejata

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Escóitanse as primeiras bombas no areal ribeirense de Coroso e un rebumbio ao lonxe comeza a tomar forma de banda de música e desfile de centenares de persoas que acompañan a decenas de particulares embarcacións decoradas. Non se trata do anuncio dunha procesión marítima, non. Entre estas naves hai un barco pirata, un volcán, unha pota con polbo á feira, unha cancha de tenis, pequenas illas tropicais ou ata o mesmo presidente e a primeira dama estadounidense facendo campaña a favor do muro, mentres mexicanos tocan rancheiras. Si, só pode tratarse da Festa da Dorna e da Rejata de Embarasións feitas á Machada.

Para os que descoñecen as claves dunha das tres grandes competicións que teñen lugar durante esta festividade, podería parecer algo caótico, mais detrás desta actividade escóndese o traballo de días, semanas e incluso meses. Un esforzo que busca crear a embarcación máis sorprendente e graciosa ou a máis veloz e capaz de virar a boia e regresar a terra antes que as restantes. Nese sentido fala o integrante de Os Pintos Joden Quintos Álex Vidal, a peña gañadora da primeira modalidade co galeón filibusteiro Perla Pinta: «Comezamos a crealo en decembro do 2016, quedando cos amigos nas fins de semana para traballar e pasalo ben». Unha proba de que a entrega dos dorneiros comeza canda remata a anterior edición.

Preludio de despedida

Cando todas as naves chegaron a terra, ninguén pensaba xa en trofeos. As cores das distintas camisetas mesturábanse entre os sorrisos e as conversacións no tradicional xantar na praia, para dar lugar a máis xogos pola tarde. Sempre baixo o pensamento de que, trala noite, todos volverán a tachar días no calendario.