«Ante unha situación difícil, hai que conseguir que os menores se vexan apoiados e non xulgados»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

Ve prioritario tecer unha rede de servizos gratuítos, empezando polo psicolóxico

16 dic 2022 . Actualizado a las 19:45 h.

No pasado mes de abril, a Consellería de Política Social poñía en marcha en Ribeira un punto de encontro familiar (PEF), o primeiro que se abría máis alá dos que xa viñan funcionando nas sete grandes cidades galegas. Con este servizo, situado na zona do Touro, búscase facilitar o contacto entre os nenos e o seu entorno, fundamentalmente naqueles casos de divorcios conflitivos, retiradas de tutela ou situacións similares. Encárgase diso un equipo multidisciplinar formado por catro profesionais: unha traballadora social, un educador social e dous psicólogos. Entre estes últimos atópase Irene Herranz Vázquez, que tamén exerce de coordinadora do espazo.

—Que é un punto de encontro familiar?

—Está concibido como un servizo que facilita a relación entre os nenos a os membros da súa familia diante dunha situación de crise ou conflito. Do que se trata é de velar pola seguridade dos cativos. É certo que hai un gran descoñecemento sobre os PEF e sobre o seu funcionamento, polo que convén aclarar que son un recurso para garantir os dereitos da infancia, a súa seguridade e benestar, e unha oportunidade para as familias.

—Como traballa o equipo deste servizo?

—A clave para nós é a realización de intervencións socioeducativas coas familias, ao tempo que hai tamén momentos de acompañamento e de apoio.

—A quen vai dirixido o PEF?

—Os usuarios do servizo veñen derivados da Dirección Xeral de Familia, tanto a través dos xulgados como do equipo técnico de menores. No primeiro caso, as situacións máis habituais son divorcios nos que se detecta sufrimento por parte dos nenos, o que fai necesario cambiar as dinámicas familiares. En canto ás intervencións do equipo técnico de menores, o normal é que sexan casos de retirada de custodia, nos que se busca manter a relación do menor coa súa familia de orixe.

—Traballa xa a pleno rendemento o PEF de Ribeira?

—Como é un punto novo, o volume de familias é de momento baixo, pero estamos potenciando a coordinación entre os recursos existentes na zona, co fin de detectar casos que poden ser susceptibles de requirir a nosa atención. Coordinámonos, por exemplo, cos departamentos municipais de servizos sociais.

—A que pensa que obedece a decisión de poñer en marcha este servizo en Ribeira?

—Había unha gran demanda por parte dos xulgados, porque o PEF de Santiago, que foi o primeiro que se puxo en marcha en Galicia, tiña unha lista de agarda enorme, ademais dos problemas que supoñía para moitas familias o desprazamento. Todo isto dificultaba o acceso e hai que ter en contar que o punto de encontro familiar é un recurso clave para garantir os dereitos da infancia. Agora é importante tecer unha rede de servizos complementarios ao redor deste eixo en Barbanza e fomentar tamén a posta en marcha de outros recursos, como pode ser a atención psicolóxica gratuíta.

—Pola súa experiencia, diría que hai cada vez máis casos de familias que necesitan axuda desta índole?

—Si que se percibe un aumento das necesidades, pero non só de puntos de encontro familiar, senón tamén de outro tipo de centros que presten apoio multidisciplinar. Dada a situación actual, é importante seguir sensibilizando e educando, xerando dinámicas saudables e defendendo os dereitos da infancia.

—A que atribúe ese aumento das necesidades neste eido?

—Cada vez hai máis coñecemento sobre a saúde e o benestar, ao tempo que se fan máis visibles os problemas, porque se identifican mellor. Ademais, á xente dálle menos medo recorrer aos servizos existentes. Penso que a clave está na información e na sensibilización, que lle permite aos cidadáns detectar os problemas e tratar de buscarlles solucións axeitadas.

«O punto de encontro familiar é un recurso clave para garantir os dereitos da infancia»

Aínda que os seus usuarios son familias ao completo, no centro da diana dos puntos de encontro están os menores. As principais accións que se poñen en marcha están encamiñadas a reducir o impacto que as situacións conflitivas poida ter nos nenos. Irene Herranz é da idea de que hai que traballar tamén na prevención desas problemáticas desde a infancia.

—Que dereitos da infancia corren máis perigo de seren vulnerados?

—Hoxe en día, é importante darlle voz aos menores, que teñan o papel que se merecen. É necesario saber como se senten, ante unha situación difícil, hai que conseguir que se vexan apoiados e non xulgados.

—Cal é o erro recorrente que cometen as familias?

—Máis que de buscar culpables, o que hai que determinar é a responsabilidade que teñen os proxenitores nas situacións de conflito. En moitas ocasións, os nenos acaban situados na metade desas loitas familiares, carrexando problemas que non lles corresponden.

—Como poden evitar os proxenitores chegar a esas situacións?

—A nivel xenérico, é moi importante o que se está facendo desde o punto de vista educativo, fomentando o bo trato e as relacións afectivas e sexuais saudables; en definitiva, falando en positivo. Hai reticencia a traballar todos estes conceptos desde a infancia, pero é necesario.

—En xeral, como son os casos que chegan aos PEF?

—Son casos de familias que están atravesando por un conflito importante, con dinámicas de parella pouco sans e só cando os afectados identifican eses problemas é cando se poden empezar a xerar cambios. As intervencións do PEF teñen carácter temporal, ata que se solucionen ese conflitos e as familias poidan manter unha relacións cordiais fóra das nosas instalacións. De momento estamos traballando de forma individual cos usuarios, pero a idea é organizar obradoiros en grupo.