Un libro conta a historia e o funcionamento dos batáns

La Voz J. V. L. | CARBALLO

CARBALLO

Reportaxe | Construcións tradicionais O vindeiro domingo Xosé María Lema Suárez presenta, no conxunto etnográfico de Mosquetín, a súa obra adicada a estas edificacións da Terra de Soneira

14 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O historiador Xosé María Lema Suárez, catedrático de Xeografía e Historia do instituto Antón Losada Diéguez da Estrada, presentará o vindeiro domingo o libro: O conxunto etnográfico dos batáns e muíños de Mosquetín, na Terra de Soneira, que escribiu co apoio de Rosendo Mouzo Lavandeira, na parte gráfica. O acto terá lugar no propio conxunto etnográfico de Mosquetín en Salto (Vimianzo). Na obra, Lema dá cumprida conta do funcionamento destas instalación tradicionais, similares aos muíños de auga, pensadas para o tratamento de tecidos, maiormente mantas de la. Explica tamén a raizame histórica dos batáns e os intercambios sociais que se desenrolaron a carón deles. Ao mesmo tempo fai un percorrido polos 15 anos de esforzos realizados por un grupo de asociacións soneiráns para lograr a recuperación e conservación deste ben de singular importancia histórica. Esta iniciativa popular tivo que facer fronte ás negativas e a desidia tanto do Concello de Vimianzo coma da Consellería de Cultura. Na súa rehabilitación tivo unha importancia singular o interese e o apoio do técnico de xestión da cultura da Deputación da Coruña, Felipe Senén López, que tamén tomará parte na presentación. Os batáns como forma de coidado das teas teñen a súa orixe na Idade Media e deixan de funcionar a partir da década dos 50 do século pasado. Ademais de noutros lugares de Galicia consérvanse ruínas deste tipo en Portugal, reconstrucións en Asturias e está documentada a súa presenza en Castela. A literatura tamén dá conta da súa existencia. Aparecen con certa relevancia no Quixote. «Cervantes estaba máis interesado nos batáns que nos muíños de vento, porque lle dedica 16 páxinas fronte as dúas escasas nas que relata o famoso episodio dos viraventos », asegura Xosé María Lema. Tamén aparecen no best seller, Os piares da terra, do británico Ken Follet que retrata dun xeito maxistral o funcionamento destes aparellos na Inglaterra do século XII. Foron precisos varios anos de investigación e outros tantos de esforzos editoriais para lograr que este documento vise a luz. Finalmente foi posíbel, grazas á colaboración da Dirección Xeral de Turismo da Xunta.